ROLDA DE PRENSA DE ANTONIO HIDALGO : “A unión é clave para min, vai por enriba dos aspectos tácticos e técnicos”.

 

Antonio Hidalgo: “Temos que volver a ter solidez e ser máis determinantes”

O adestrador do Deportivo, Antonio Hidalgo, compareceu este venres en rolda de prensa no Dépor Training Center de Abegondo, na previa do encontro que o conxunto branquiazul disputará mañá en Riazor ante a Cultural Leonesa (18:30 horas / 16:30 GMT). Durante case vinte minutos, o técnico repasou a actualidade do equipo, o estado dos seus xogadores e as claves do choque ante o conxunto leonés.

“Mario ten unha condición diferencial: ver ese último pase”

Hidalgo destacou o papel de Mario Soriano, un futbolista ao que considera clave no xogo ofensivo do Dépor:

“A diferenza con Mario está no que se lle pide a nivel defensivo. Todo o talento que temos hai que soportalo dunha maneira, e cando el está máis liberado de tarefas defensivas pode aparecer doutra forma. Ten unha condición diferencial: ver ese último pase, e temos que explotalo”.

“A categoría é das máis igualadas dos últimos anos”

O técnico valorou tamén o nivel competitivo da Primeira Federación nesta campaña:

“Creo que a categoría é das máis igualadas dos últimos anos na parte alta. Sabemos que temos o noso potencial e debemos ser valentes”.

“Temos que ser máis determinantes”

De cara ao duelo de mañá, Hidalgo quixo incidir na necesidade de dar un paso adiante en ataque:

“Temos que buscar moitas máis superioridades por fóra, ser máis determinantes e rematar máis xogadas”.

“A saída de Chacón foi unha decisión acertada”

O adestrador referiuse tamén a Luis Chacón, xogador do Deportivo cedido precisamente á Cultural Leonesa:

“Entendo que Luis está traballando para contar con sitio no Dépor e xustificar que está capacitado para o fútbol profesional. Está demostrándoo con creces. É un tipo de futbolista que precisa confianza e regularidade, e estase vendo que saír foi unha decisión acertada pola súa parte”.

“A Cultural perde ao seu mellor futbolista sen Luis”

O técnico catalán eloxiou o nivel do conxunto adestrado por Ziganda, pero lembrou a importancia da baixa do atacante galego:

“A Cultural ten moitísimo talento, aínda que conta coa baixa do seu mellor xogador, que é Luis. Terá a orde que caracteriza aos equipos de Ziganda”.

“Noubi ten unha gran saída de balón”

En canto a outros xogadores do cadro, Hidalgo fixo unha mención especial a Lucas Noubi:

“Lucas Noubi estáme axudando con moito poderío físico e unha gran saída de balón”.

“Debemos volver a ter solidez”

O preparador branquiazul recoñeceu que o equipo precisa recuperar o equilibrio defensivo:

“Vimos e analizamos moito. Imos ao mínimo detalle do que queremos… Non é o lugar para explicalo porque hai rivais que ven as roldas de prensa. En liñas xerais, deberiamos volver a ter solidez. Cando vas perdendo pezas, tes que recorrer a futbolistas doutras características e non é doado ensamblalos”.

“A unión está por enriba dos aspectos tácticos e técnicos”

O adestrador quixo destacar tamén o compromiso do grupo:

“Foron momentos difíciles nos que sabiamos que debiamos dar un paso adiante e falar claro. Sabemos onde estamos e a quen representamos. A unión é clave para min, vai por enriba dos aspectos tácticos e técnicos”.

“Mulattieri empezou a notar molestias despois do partido contra o Valladolid” .

Hidalgo explicou a situación do dianteiro Samuele Mulattieri, que arrastra problemas físicos:

“Mulattieri empezou a notar molestias despois do partido de Valladolid e cando adestraba non estaba cómodo. Tentamos seguir unha progresión”.

Sobre a súa dispoñibilidade para o encontro, engadiu:

“As baixas son as xa coñecidas. Con Samuele imos ver o adestramento. Hoxe vai intentalo, a ver que sensacións ten”.

“En Zaragoza estivemos a bo nivel en defensa”

O técnico confirmou que ten decidido quen formará na liña defensiva e valorou o rendemento recente:

“Teño claro quen vai xogar en defensa. Cando tes menos efectivos tes que recompoñer a liña, e en Zaragoza estivemos a bo nivel”.

“Gañar cámbiao todo”

Por último, Hidalgo insistiu na importancia da última vitoria para reforzar o ánimo do vestiario:

“A diferenza nos xogadores está en ter gañado. Gañar cámbiao todo. Viñamos dunha serie complicada e os días fóra da casa viñéronnos ben para compartir moito tempo. Fixemos dous bos partidos”.

O Dépor afronta así con confianza e espírito de reacción o duelo ante a Cultural Leonesa, coa intención de seguir escalando posicións e consolidar a melloría amosada nas últimas xornadas.

-Foto e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”