O novo presidente do Real Club Deportivo da Coruña, Antonio Couceiro, compareceu por primeira vez ante os medios de comunicación após o seu nomeamento como presidente da institución o pasado 8 de febreiro para trasladar, sobre todo, unha mensaxe de tranquilidade e de intencións ao Deportivismo. Sen dúbida nas moitas cousas interesnates que desvelou e das pistas que deu sobre o “Novo RC Deportivo”, a máis importante foi a de que : “pase o que pase, poden ter a tranquilidade e a total garantía de que o proxecto vai ter a continuidade garantida, aínda que a situación deportiva é a peor da historia e a situación económica é terriblemente delicada. Afortunadamente contamos con todo o respaldo do hoxe máximo accionista do Deportivo”.
Aquí tedes un pequeno resumo do RC Deportivo do que dixo en liñas xerai, dunha rolda de prensa de máis dunha hora de duración, na que unha vez máis os medios de prensa coruñeses menospreciaron a nosa fala con só 3 preguntas en galego, as que contestou nun galgo fluido. Menospreciando a nosa fala menospréciannos aos milleiros de afeccionados, socios e accionista galego-parlantes.
Voltando as verbas de Couceiro dixo que a continuidade do clube estaba asegurada por un : “traballo intenso de preparación do que será un gran plan de futuro que temos encima da mesa e que analizamos en profundidade. Estamos a facer as nosas achegas e estou convencido de que teremos un Deportivo solvente, estable e forte de cara aos próximos anos. O plan vainos a permitir a construción duns cimentos sólidos para o Deportivo, un futuro cimentado ademais sobre un modelo de Club baseado na canteira. Este é un proxecto realista pero ambicioso que está ademais ao nivel e á altura do potencial do noso Club”.
Ademais, quixo deixar outra mensaxe directa “ao Deportivismo, a esta afección exemplar do Dépor que nunca lle deu as costas ao longo da historia do club. Témoslle que dicir que ha de recuperar a tranquilidade e que debemos xerar un clima de estabilidade institucional imprescindible para desenvolver o proxecto que comentamos. O futuro do Deportivo, tanto a nivel de competición como económico e social está garantido. O noso gran reto é lograr que o Dépor sexa viable e o sexa no medio e longo prazo. Para conseguir un Deportivo sustentable deportiva, económica e socialmente é imprescindible a unión de accionistas, socios, empresas e institucións que conforman o universo Deportivista para, co esforzo o compromiso e o traballo de todos, conseguir o mellor futuro para o Club.” Tamén quixo lembrar que “isto non vai ser algo inmediato. Temos que traballar para mellorar o noso fútbol ano tras ano para que cando cheguemos fagámolo desde un nivel competitivo que permita a permanencia na división de honra. Isto será un proceso que requirirá paciencia pois sen dúbida pasarán momentos difíciles que haberá que superar antes de alcanzar o gran obxectivo de competir con éxito na Primeira División do fútbol español”.
Recoñeceu que “hoxe ascender a Segunda División antóllase case un milagre, debemos loitar duramente por manter a categoría e como mínimo tentar estar nesa Primeira División RFEF, na categoría semi-profesional que equivalería á actual segunda B, por tanto ímonolo a xogar absolutamente todo no próximos tres partidos” polo que o futuro inmediato só ten un foco: “nestes momentos o único que nos ten que preocupar é a situación deportiva e apoiar todos como un só Deportivista ao equipo técnico e aos xogadores para conseguir todos os puntos posibles para apurar até o final as opcións de ascenso e tentando conseguir a mellor posición deportiva para reiniciar a construción do futuro. Hai que centrarse no aspecto deportivo, hai que ir a por os nove puntos que restan e non pensar que aí se acaba a competición. A temporada vai continuar e os puntos de cada partido conformarán a nosa posición final polo que é necesario lembrarlles aos nosos xogadores que contan co noso total para que o que suceda no terreo de xogo permita alcanzar o mellor escenario posible”.
“A partir de aí comezaremos un traballo serio e profesional orientado a sentar as bases dun proxecto sustentable a longo prazo que, apostando decididamente pola canteira, acabe levando ao Deportivo á división que se merece pola súa historia e pola exemplar afección que o sustenta”. Un traballo que xa arrincou no mesmo momento do nomeamento o pasado día 8: “o equipo que formamos o novo Consello traballamos intensamente até o día de hoxe para coñecer en profundidade todas as áreas de xestión, entrevistámonos con multitude de responsables directivos, coñecemos a súa opinión sobre a situación, as súas preocupacións, a súa visión de futuro e habemos tamén analizado e profundado en multitude de documentos e informes dos que dispón o Deportivo que nos permiten coñecer en profundidade a situación e empezar a albiscar as decisións que haberá que tomar a medio e longo prazo”.
Un Consello que evolucionou en canto ás súas funcións “o feito de cualificarse de Consello profesional significa que o Deportivo evolucionou cara ao modelo habitual nas empresas de Consello non executivo, é dicir, tanto o presidente como os conselleiros non temos dedicación exclusiva e tomaremos as decisións de forma colexiada. Ademais, non vai haber responsabilidades por áreas no Consello, moi habitual nos clubs de fútbol, pois existen os profesionais que levan o día a día. O Consello traballará de forma colexiada, establecendo os grandes marcos de xestión e apoiará no día a día aos directivos, que son os que tomarán as decisións. A responsabilidade executiva descansará nun primeiro executivo, actualmente o noso conselleiro e director xeral, David Villasuso e a partir de aí hai unha estrutura profesional que é a que atende no día a día as decisións que han de tomarse no Dépor”.
Após sinalar estas liñas básicas de actuación do Consello e os grandes desafíos desta etapa Inicial, Antonio Couceiro respondeu, durante máis dunha hora, a todas as preguntas realizadas polos xornalistas que seguen a actualidade do Dépor.
-Foto : piratasdemuxia
-Texto : RC Deportivo/piratasdemuxia