ROLDA DE PRENSA DE ALBERTO QUILES : “O RIVAL PIDEUME PERDÓN, O ÁRBITRO NIN PREGUNTOU”.

 

Alberto Quiles pasou por rolda de prensa acompañado polo galeno do depor, Carlos Lariño, para falar sobre todo o acontecido trala salvaxe patada que recibeu no Arcangel de Córdoba, e como maior connotación do que dixo foi que o “rival pideume perdón, pero o árbitro nin unha mensaxe”.

O galeno deportivista lembrou que ao saltar ao céspede do Nuevo Arcángel o pasado domingo atopouse a Quiles con “unha ferida inciso contusa no malar e unha conmoción cerebral. O primeiro que facemos é suturar a ferida, xa no campo. Ten 9 puntos de sutura na cara e vemos a evolución desa conmoción por se nos fai falta quedarnos a durmir en Córdoba”.

Explica a continuación que esa conmoción “foi regular. El seguía con sensación de mareo. Non chegou a perder o coñecemento en ningún momento. Era un TCE (traumatismo cranio encefálico) leve, pero decidimos achegarnos a urxencias, durmimos alí para estar máis seguros, poñer medicación intravenosa e ver como vai o cadro. Ante a melloría da conmoción cerebral, decidimos na Coruña acabar de facer as probas, aínda que o diagnóstico inicial xa o fixemos alí en Córdoba ao facer un TAC e ver as fracturas faciais. É un traumatismo cranioencefálico e tes que valorar nos primeiros momentos como vai o xogador. Afortunadamente, a evolución foi boa e puidemos viaxar”.

Na intervención cirúrxica de mañá xoves no Hospital Quirónsalud A Coruña “vanlle a colocar 3 miniplacas de titanio para reducir sobre todo a fractura do chan da órbita, que é a máis preocupante porque pode modificar a visión e que vexa dobre. Temos que corrixila e por iso faise ineludible o quirófano. É unha anestesia xeral, unha intervención importante e imos tentar reducir os prazos o máximo que podamos. Oxalá poida estar co Pontevedra CF, pero iremos día a día tentando reducilo. Haberá que colocar unha máscara, ten que estar cómodo coa máscara… Teremos que ver moitos factores. Aínda é un pouco pronto para dar un prognóstico claro”.

Pola súa banda, Alberto Quiles, que está a desexar pasar polo quirófano e comezar a súa recuperación, márcase como obxectivo “chegar ao último partido (en Pontevedra) e se podo xogar uns minutos, mellor”.

Estas foron algunhas das súas palabras:

Estado físico
“Teño a cara feita un cadro. É certo que esperaba que o ía a levar peor, con máis dores, pero lévoo ben. O peor momento é pola mañá cando me levanto. Aí si que sinto dor, pícanme un pouco os ollos e levántome con eles un pouco chorosos, pero logo coa medicación sopórtase ben. Animicamente estou bastante ben, coas mensaxes que estou a recibir, que recibín. É unha alegría que me levei porque non me esperaba tantas mensaxes de apoio. Aí si que estou moi forte e estou a desexar xa empezar coa recuperación para volver”.

Momentos posteriores ao golpe
“Cando chego ao banco despois de ser cambiado foi cando me empezo a marear un pouco, empezo a non ver ben. Xa no vestiario e do estadio ao hotel é cando peor me atopo, cando me empezan a tremer as pernas, un pouco os dedos das mans. Tamén me sentía moi canso, máis do normal, só tiña ganas de estar tombado, cos ollos pechados e sen falar con ninguén, sen escoitar a ninguén. Unha vez que chegamos ao hotel e Lariño viume como estaba, xa dixo ‘ímonos para o hospital’ e que me fixesen probas. Alí con soro e non se que máis me recuperei un pouco. E cando cheguei ao hotel si que estaba un pouco máis recuperado e ao día seguinte, moito mellor”.

Asustado nos momentos seguintes á xogada
“Asusteime sobre todo porque non me atopaba ben. Tamén é verdade que Rubén (Barreiro, fisioterapeuta) e Lariño tranquilizáronme un pouco. Cando cheguei ao hospital, os médicos de alí tamén me tranquilizaron. Entón iso foi de gran axuda. Foi o peor momento polo tema da visión, os mareos e o cansazo, que estaba máis canso do normal, pero púideno levar máis ou menos ben”.

Xogada fatídica
“Recordo todo e logo en casa vin o vídeo. É unha acción onde o balón bota, chego antes que o defensor do Córdoba, e el, que lle ía a dar ao balón, dálle ao meu á miña cara e párteme o pómulo”.

A familia, presente no Estadio
“A miña nai é a que peor o leva, porque foron a Córdoba e cando ocorreu puxéronse un pouco máis nerviosos. E xa cando me viron que non tiña o mellor aspecto do mundo asustáronse un pouco. Estiveron en contacto con Carlos Lariño durante a noite, cando estaba no hospital. E agora están un pouco máis tranquilos. Teñen ganas de que pase a operación pero polo menos a miña nai non está tan nerviosa como o primeiro día”.

Desculpas de Ekaitz, defensor do Córdoba
“Despois do partido achegouse ao vestiario e pediume perdón. Díxome que foi unha xogada moi rápida, que eu chego un segundo antes e que el tiña a idea de darlle ao balón e que ao chegar antes dáme a min na cara; que foi sen querer e que non foi intencionado. Pediume perdón e logo onte escribiume por Whatsapp e volveume a pedir perdón, que o sinte moito, que oxalá a operación salga ben e que estea canto antes outra vez no campo”.

Cartón vermello no canto de amarelo
“A acción é de vermella. Á parte é unha acción onde o árbitro non ten ningún xogador que lle tape a visión. É unha acción limpa onde imos á disputa dous xogadores, o defensor e eu. El está colocado detrás de nós, ve a acción perfectamente, o xuíz de liña veo de cara. Todo o mundo viu que era vermella menos el. Terá o seu criterio. El saberá porque sacaría a amarela. Logo non me dixo nada, nin me chegou ningunha mensaxe nin nada. Supoño que el tampouco quererá fallar, pero para min, segundo o meu criterio, é un erro grave e tiña que ser vermella”.

O Dépor, ¿prexudicado polos árbitros?
“Os árbitros algunhas veces prexudícanche, outras veces axúdanche. Entendo que hai algunhas xogadas que son difíciles de ver e de pitar, porque encima nesta categoría non hai VAR e entendo que sexa complicado; pero a patada do outro día é moi clara para ser vermella e saca amarela. Ningún árbitro quere prexudicar a ningún equipo, pero a patada é vermella clara porque me parte o pómulo e mesmo síntome afortunado de que só teña dúas fracturas. Podería ser algo peor”.

Perspectiva de reaparición
“Estou a desexar que chegue mañá para a operación, que salga ben e que me diga canto tempo teño que estar de recuperación. Eu dentro da seguridade que me digan os médicos, quero acurtar os prazos ao máximo, sempre que, como digo, sexa seguro para a miña saúde. En realidade atópome mellor do que esperaba e a miña intención é chegar a xogar uns minutos contra o Pontevedra CF (última xornada de liga). Non se se poderei ou non, xa me dirá Lariño e Álvaro (García-Rozado), que é o cirurxián que me opera. A miña intención é chegar ao último partido e se podo xogar uns minutos, mellor”.

Recibimento hoxe de Os Nosos en Abegondo
“Están a vacilarme moito, dinme que se son unha ardilla, que se non sei que… pero iso sempre vén ben, sempre axuda. Preguntáronme por Whatsapp, por chamada, hoxe cando viñeron como estaba. Nada, aguantar vacílelos que me metan”.

Reacción do equipo nas próximas xornadas
“Véxoos ben (aos meus compañeiros). A ninguén lle gusta perder un xogador do equipo, pero se xa había razóns para tentar ascender directo, son agora outra razón para que o tenten. E se non pode ser directo, pois polo playoff”.

-Foto e Vídeo : RC Deportivo

-texto : RC Deportivo/Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies