ROLDA DE PRENSA DE ADRIÁN LAPEÑA : “TEMOS UN EQUIPO MOI BO, MOI EQUILIBRADO”.

 

Adrián Lapeña asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que “o equipo está con ganas de competir. Xa quedamos con esas sensacións de querer empezar a liga a semana pasada e o equipo dobrou esa ambición para esta fin de semana. Estamos a desexar que empece a rodar a pelota en ABANCA-RIAZOR porque temos un equipo moi bo, moi equilibrado, podemos facer as cousas moi ben este ano. Estamos a empezar a ter boas sensacións de xogo e o que queremos é expoñelo en ABANCA-RIAZOR e ver que o que traballamos en pretemporada empeza a dar os seus froitos”.

O futbolista branquiazul asegura que ao vestiario branquiazul non lle despista o adiamento do partido do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o DUX porque “o tiñamos que xogar a fin de semana pasada. Decidiuse aprazalo polos temas que todos coñecemos. Por tanto, esta semana temos ao Linense, estamos enfocados ao cento por cento nese partido e cando teña que vir o partido do DUX prepararémolo, afrontarémolo coa maior concentración posible. Estamos centrados no que vén a fin de semana”, concretamente este sábado 3 de setembro ás 19:30 en ABANCA-RIAZOR.

Insiste en que neste asunto “non temos nada que ver porque o Club fixo o que tiña que facer para empezar a xogar a liga a fin de semana pasada. Son cousas que non dependen de nós, que son externas ao Club e nós aí pouco podemos facer. O día que nos toque xogar ese partido entre semana trataremos de baixar cargas, pero xa o ano pasado tivemos que xogar partidos entre semana e estivemos a un bo nivel, por tanto o único que temos que facer é preparar a cabeza e o corpo para saber que se toca temos que xogar un partido máis entre semana”.

Admite que esta circunstancia de arrancar na 2ª xornada “amola un pouco porque che preparaches para empezar a liga ao mesmo ritmo que todos, pero son temas que non dependen de nós. É verdade que o día no que estamos, que pasen este tipo de cousas é un pouco raro. Nós o único que nos temos que centrar é en xogar a fin de semana. Aprazáronnos o partido contra o DUX e xa sexa contra o DUX ou contra outro equipo, teremos que xogalo entre semana e non queda outra. Nós estamos aquí para xogar e gañar partidos”, conclúe.

Preguntado polos defensas centrais que agora mesmo hai no cadro, Lapeña coincide coas palabras da semana pasada de Jaime, o seu compañeiro de demarcación; e, ademais do fabrilista Dani Barcia ou a Álex Bergantiños, ve “aos tres centrais que estamos coa capacidade suficiente como para defender os dous postos de defensa. Se tivese que vir algún máis tampouco pasaría nada. Depende do míster, da Dirección Deportiva. Creamos un bo grupo de defensas e podemos defender a portería do Dépor con grandes garantías”.

Así mesmo, en referencia a Lucas Pérez, confesa que no vestiario da Cidade Deportiva branquiazul “apenas se menciona o seu nome porque estamos centrados no día a día e no partido que temos a fin de semana. Todos sabemos o tipo de xogador que é Lucas, a calidade que ten, pero pertence a outro club e a día de hoxe hai que respectalo. ¿Que sería fantástico? É obvio, pero tampouco depende dos xogadores por tanto temos a cabeza no partido e no adestramento de cada día, que é o beneficioso para o equipo”.

Finalmente, con esta temporada como última de contrato no Dépor, o defensor apunta que “non falei nada porque tamén entendo que a Dirección Deportiva agora ten a mente posta no mercado de fichaxes. Eu sempre o dixen, a min encantaríame estar aquí moitos anos, pero iso non só depende de min. O que depende de min é traballar cada semana, cada temporada. O ano pasado fixen un bo ano a pesar de non poder lograr o obxectivo, pero a min non me queda outra que traballar para que pola mente páseselles que eu poida seguir ligado ao Club durante máis anos”.

-Foto, Texto e Vídeo : rcdeportivo.es