Adrián Lapeña, protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo, coincidiu con Óscar Cano en Castellón (temporada 2019-2020) co que logrou o ascenso a Segunda. Así pois, o defensor branquiazul é dos que no vestiario de Abegondo coñece de preto ao técnico deportivista.
Explicou o central rioxano aos medios o que pretende Óscar Cano no Dépor: “É un pouco o que vimos no primeiro partido. Gústalle ter a pelota, ser vertical e fai moita énfase tamén na defensa. Gústalle defender desde a pelota, pero gústalle ter equipos que sexan dominadores, que xoguen en campo rival e que estean ordenados para algunha posible perda. Basicamente é o que vimos o outro día contra o Linares: atacar todo o equipo, ir levando a xogada e tentar estar ordenados para, se se perde a pelota, recuperala rápido”, conclúe.
Confesa que nestas primeiras semanas de competición, “cando ves que que as cousas non están saíndo como ti queres, igual lévache un pouco máis á precipitación por querer conseguir o que tes na cabeza canto antes. E ese é o erro no que caemos os xogadores, en querer facer as cousas demasiado rápido pensando que ían saír mellor e é todo o contrario. Tiñamos que traballar nós mentalmente tranquilos, levar as situacións de xogo onde queiramos e non pensar que por facer as cousas máis rápido ían saír mellor. Ese foi un pouco o noso fallo”.
Opina que vencer este domingo 23 de outubro en Valdebebas (18:00 horas/16:00 GMT, InSports.tv) ao Real Madrid Castilla “daríanos un plus de motivación, de darnos conta que estamos a traballar ben, pero tampouco temos que meternos na cabeza que o devir deste partido nos vaia a marcar onde vai estar o Dépor esta temporada. Cada partido esíxenos gañar, queremos gañar e esta fin de semana imos con esa mentalidade, pero en ningún caso pensamos que gañar, perder ou empatar este partido vainos a marcar onde imos estar a temporada”.
Conta que sendo futbolista da Real Sociedad B tocoulle xogar en Valdebebas e que “son partidos contra un equipo que é moi alegre. Son xogadores de moita calidade, rapaces que teñen moita actividade no partido. Hai que estar concentrados ao 200 por 100 porque en calquera acción individual eles teñen moita calidade e poden decidir os partidos. Un filial sofre en certas situacións de xogo e temos que aproveitar eses aspectos para levarnos o partido”.
Precisamente a pesar das boas individualidades do Castilla, caso de Íker Bravo, cre Lapeña que “tampouco temos que volvernos tolos. Son 11 xogadores, nós tamén e o que temos que facer é afrontar o partido pensando en nós e en como podemos facerlles dano”.
Compañeiro de Pablo Martínez no centro da zaga nos últimos partidos, comenta que a sincronización de movementos co futbolista hispano-francés é “boa. Con xogadores de calidade é moito máis fácil xogar. Tanto Borja, Jaime, Pablo e eu somos xogadores de calidade que adestrando entendémonos moi ben. Dá igual quen se atope xogando, con quen che toque xogar, sexa Pablo comigo ou con Jaime ou entre eles… A sincronización é moi boa, é mutua entre todos, por tanto, así é moito máis fácil tanto adestrar como xogar”.
Finalmente, preguntado pola saída de Borja Jiménez, admite que “nos fode a todos porque que destitúan ao adestrador non fala tampouco ben de nós. Son dos que pensa que nós somos os que xogamos, os que tomamos as decisións no campo e sempre se di que é máis fácil botar a 1 que a 20. Temos que saber que somos responsables desa decisión e amólanos cando botan ao xefe”.
-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo