ROLDA DE PRENSA : ANTONIO HIDALGO DESGRANA COMO VAI A PRETEMPADA, OS XOGADORES CON INCERTIDUME E AS POSIBLES INCORPORACIÓNS.

Antonio Hidalgo pasou por rolda de prensa na previa aos encontros en Inglaterra de mañán mércores e o vindeiro sábado, 8toda a información o final do artigo). Xa había gañas de oir os seus pareceres sobre como vai a pretempada e do futuro de varios dos xogadores e foi o que fixo. Hidalgo reflexiona en voz alta sobre a pretempada e perfila o que precisa o novo Dépor 2025/26.

Mentres continúa co seu traballo de posta a punto, o técnico Antonio Hidalgo debuxou con claridade o camiño a seguir. Máis alá dos resultados dos primeiros encontros amigables, a pretempada está servindo para identificar necesidades, valorar recursos e dar forma ao equipo.

Un plantel aínda por pechar, con varios reforzos en mente
A construción do cadro non está rematada. O corpo técnico ten claro que hai posicións que precisan reforzo, especialmente na defensa e no medio do campo. Hidalgo recoñece que será imprescindible “engadir un dianteiro e, dependendo das saídas que se confirmen nas vindeiras semanas, mesmo podería chegar un máis”. Tamén apunta á necesidade dun central, un lateral esquerdo e un centrocampista que achegue equilibrio.

Respecto pola profesionalidade dos que teñen un pé fóra
O adestrador fixo unha mención especial para aqueles xogadores que, malia saber que non contan nos plans de futuro, seguen a adestrar cunha actitude exemplar. “Nestes casos, é importante recoñecer o comportamento profesional. Non é doado manter a intensidade cando sabes que podes saír”, valorou. O exceso de efectivos dificulta o día a día, pero o compromiso individual está sendo valorado.

O medio do campo, zona clave para a estabilidade do equipo
A sala de máquinas do equipo será unha das zonas prioritarias nas vindeiras incorporacións. A idea do corpo técnico é dotar ao equipo dun perfil que complete as pezas que xa hai, achegando “control, mobilidade e capacidade para adaptarse ás diferentes situacións de partido”.

Un modelo con identidade, pero flexible
Hidalgo non oculta que pretende aplicar principios e conceptos que xa utilizou con éxito noutras etapas. Porén, é consciente de que o estilo final dependerá das características dos xogadores dispoñibles. “Temos unha idea clara, pero será fundamental adaptala aos perfís do plantel e aos retos que presente cada rival”, sinalou.

Bo ambiente e sensacións positivas nos primeiros días
O técnico amósase satisfeito co ton xeral dos adestramentos e co compromiso do grupo. “A actitude está a ser magnífica. Aínda queda moito por facer, pero estamos aproveitando os partidos para cargar as pernas e ir introducindo pouco a pouco a nosa proposta de xogo”, explicou, ilusionado co proceso.

O adestrador falou un por un dos “nomes propios”

O técnico do Deportivo, compartiu a súa visión sobre a situación dalgúns xogadores e as posibles saídas ou decisións que se tomarán nas vindeiras semanas.

Futuro incerto para Davo e Mfulu
O preparador recoñeceu que tanto Davo coma Mfulu teñen opcións reais de abandonar o club este verán. Aínda así, destacou o seu compromiso nos adestramentos e o trato igualitario que reciben dentro do grupo.

Kevin Sánchez, con ganas de medrar fóra da Coruña
Sobre Kevin, Hidalgo explicou que o xogador mostrou desde o primeiro momento a súa intención de buscar minutos noutro destino. “Vén con boas referencias e estamos contentos co seu rendemento, pero o mellor para el é saír para continuar progresando”, apuntou.

Mella, un referente que se gañou o respecto
No outro extremo está Mella, que, tras unha tempada brillante, consolidouse como unha peza importante no equipo. Hidalgo valorou non só o seu rendemento, senón tamén a súa capacidade para encaixar nun esquema no que a versatilidade será clave. A competencia no ataque é alta, pero iso non impide que xogadores como Mella e Luismi poidan compartir terreo de xogo. “Haberá partidos nos que coincidan e outros nos que non”, explicou o adestrador, quen tamén incidiu na importancia de poñer os intereses do equipo por riba dos individuais.

Cristian Herrera, exemplo de profesionalidade
O dianteiro canario recibe eloxios do seu adestrador pola súa actitude e experiencia. Hidalgo subliñou a súa capacidade para entender o xogo e contribuír en ataque.

Ollada posta en Inglaterra para avaliar a varios xogadores
Luis Chacón, “lastrado por unha lesión, terá minutos durante a estadía británica para demostrar o seu potencial”. Outro que tamén será seguido de preto é Rubén López, canteirán que impresionou ao corpo técnico “pola súa entrega e condición física”. “Necesitamos velo en contexto competitivo antes de tomar decisións”, dixo o técnico.

Charlie Patiño, en fase de análise
O mediocentro, que vén dun ano complicado, segue baixo observación. Hidalgo explicou que se está a probar como pivote defensivo e que a súa situación se aclarará nas próximas semanas.”Estámolo utilizando máis de 6 que de 8, ainda que tamén poida xogar aí”.

Interese en Quagliata, pero con cautela
O adestrador confirmou que existe interese polo lateral, aínda que evitou dar por pechada a operación. “Ata que todo estea asinado, non hai nada definitivo”, comentou.

Diego Gómez e os retos da xuventude
O técnico tamén falou da competencia que terá Diego, un dos mozos con proxección. A súa prioridade é que os xogadores novos conten con oportunidades reais, aínda que recoñeceu que a esixencia será alta.

Samu e a importancia da base
Samu, que aínda é xuvenil, está a “sorprender pola súa madurez e seguridade”. Hidalgo reafirmou o valor que lle dan á canteira e expresou a “intención do club de apoiar o crecemento dos rapaces formados na casa”.

Jose Ángel, en proceso de recuperación
Por último, Hidalgo referiuse ao lateral Jose Ángel, quen loita por chegar en condicións ao inicio da liga. “É unha recuperación complexa, pero está a poñerse a punto. Viaxará con nós para continuar a preparación”, explicou.

PRETEMPADA DEPOR 2025/26

Deportivo 3-2 Famalicão (Yeremay (p), Luismi e Herrera)

  • SD Compostela 0-5 Deportivo: Chouri, (2), Bouldini, Rubén López e Crístian Herrera.

  • Ourense CF 0-2 Deportivo: (Chouri e Yeremay). 

  • Watford-Deportivo: mércores 30 de xullo, ás 20:00 horas (hora galega), en Vicarage Road.(en directo en YouTube do RC Deportivo).

  • Middlesbrough-Deportivo: sábado 2 de agosto, ás 16:00 horas, (hora galega), en Riverside Stadium. (en directo en YouTube do RC Deportivo).

  • Deportivo-Real Oviedo: mércores 6 de agosto, ás 19:00 horas, no Estadio Pepe Barrera.

  • Deportivo-Le Havre AC: “LXXX Teresa Herrera”; Sábado 9 Agosto a partires das 20:00 horas.

 

-Texrto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto : RC Deportivo