O vindeiro domingo 24 de agosto o Estadio de Riazor vivirá a súa primeira cita da tempada coa celebración da segunda xornada da Segunda División. O Dépor recibe ao Burgos CF nun encontro que dará comezo ás 17:00 horas (16:00 GMT).
A xornada non só terá fútbol, senón tamén ambiente e festa arredor do estadio. A Federación de Peñas Deportivistas, Old Faces e Riazor Blues organizan, coa colaboración do Concello da Coruña unha gran previa que se desenvolverá entre as 12:00 e as 16:30 horas na rúa Almirante Cadarso.
Alí os seareiros poderán desfrutar dun xantar popular a base do polbo da recoñecida pulpeira Mosquera, acompañado dos sabores do local coruñés Damedé. A música tamén terá un papel protagonista coa actuación en directo dos grupos La Gramola e 13B, que amenizarán a espera ata que chegue a hora do partido.
Un domingo de festa branquiazul coma no Día das Peñas, con gastronomía, música e fútbol, que marcará o regreso do Dépor a Riazor nesta nova campaña.
-Foto : Federación de Peñas Deportivistas
-Texto : Xosé Búa “Pirata”