Almería 1-2 Depor
O Dépor fai danzar ao Almería e asalta o Mediterráneo (1-2)
O Dépor asinou unha das súas actuacións máis completas da tempada ao derrotar por 1-2 ao Almería, rival directo na loita polo todo, nun estadio que acabou silbando aos seus ante o dominio coral dun conxunto branquiazul que os fixo xogar ao seu compás.
Desde o primeiro minuto, os deportivistas levaron o mando do encontro, movendo o balón con criterio, presión alta e chegadas constantes. Porén, o fútbol foi inxusto na primeira metade: tras varios achegamentos claros dos nosos, o Almería marcou na súa primeira chegada, cun tanto de Baptistao (13’) que caeu como un xerro de auga fría tras o asedio visitante.
Lonxe de virse abaixo, o Dépor non perdeu nin a fe nin a identidade, acumulando ocasións claras antes do descanso.
Nada máis comezar a segunda metade, apareceu o talento. Yeremay, nun encontro á altura do seu fútbol, empataba o choque no 48’ tras un pase filtrado sublime de Soriano, definindo con frialdade para facer xustiza no marcador.
Reclamaron os nosos un gol anulado de maneira máis que dubidosa, nos xa habituais agarróns “interpretables” nos saques de esquina, pero cando nos beneficia sempre cae contra nós, como xa pasou a semana pasada en Gran Canaria.
O segundo resistiuse, malia a insistencia e as ocasións acumuladas deportivistas, ata que no minuto 79 chegou o momento máis celebrado da noite. Yeremay volveu poñer maxia, esta vez cun pase picado, unha auténtica delicatessen ao punto de penalti, que Mulattieri converteu no 1-2, facendo danzare á afección deportivista desprazada, convertíndose Mulattieri no seu veciño Franco Battiato: “Voglio vederti danzare…”.
O italiano, que non marcaba desde o seu debut en setembro, reencontrouse co gol no momento xusto para selar unha vitoria tan merecida como necesaria, que reforza o ánimo dun Dépor que sae máis vivo ca nunca da loita.
Triunfo de equipo, de personalidade e de fútbol. E si, esta vez, os que bailaron foron eles.
Goles: 1-0 Baptistao (13’); 1-1 Yeremay (48’); 1-2 Mulattieri (79’).
MANIFESTACIÓNS
.
-Vídeos e foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
