RENOVACIÓN : “O Dépor blinda a perla da canteira Nsongo Bil ata 2030”.

O RC Deportivo asegurou a continuidade dunha das grandes promesas do presente e do futuro branquiazul. Nsongo Bil ampliou o seu contrato ata xuño de 2030, consolidando así a súa vinculación co club coruñés tras unha progresión espectacular desde a súa chegada á canteira.

O atacante camerunés incorporouse ao Fabril na tempada 2024-25 e, en apenas dous anos, converteuse nun dos futbolistas máis ilusionantes para o deportivismo. Despois dunha primeira campaña destacada no filial, a súa explosión definitiva chegou este curso, no que comezou brillando co Fabril antes de dar o salto ao primeiro equipo.

O seu debut oficial co Dépor produciuse na Copa do Rei ante o Sabadell e, desde entón, gañou un posto fixo nos plans de Antonio Hidalgo. Na súa estrea na elite branquiazul disputou 17 partidos de liga, marcou 6 goles e repartiu unha asistencia, ademais de participar en tres encontros coperos.

Entre as súas actuacións máis recordadas destacan os dous goles anotados no estadio José Zorrilla de Valladolid, decisivos para certificar matematicamente o ascenso directo do Deportivo a Primeira División.

Talento, traballo, ambición e compromiso definen a un Nsongo Bil que xa é unha das grandes xoias da nosa canteira e que, coa súa renovación ata 2030, seguirá facendo soñar á afección deportivista durante moitos anos máis.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa