REFLEXIÓNS DUN PERCEBEIRO E XUNTANZA NO CONCELLO DE MUXÍA.

Percebeiros na faena na Punta da Barca, (Xesús Búa/Foto-Estudio Lolas).

 

Non ten nada que ver co deporte, ainda que hai que estar en moi boa forma física para andar os percebes, e ante a crise que se abreu estes días co conflito antre percebeiros e bateeiros recolectores de mexilla, (cría de mexilón), chegounos unha carta titulada “Reflexións dun percebeiro da Costa da Morte”, por parte dun usuario da nosa web, e da que nos queremos facer eco como web mariñeira, feita por un mariñeiro, tíñamos que dar conta dela. Ademáis un grupo de percebeiros mantivo unha xuntanza co alcalde muxián Iago Toba para facerlle chegar as suas inquietudes. O Departamento de prensa do Concello de Muxía fainos chegar unha nota da xuntanza co edil muxián.

Aquí tedes as inquitudes dun percebeiro que fala ca voz de todos os que se adican a este nobre e arriscado oficio…ou eso pensamos.

 

REFLEXIÓNS DUN PERCEBEIRO DA COSTA DA MORTE

Nesta semana que acaba de pasar, na que estamos case que todos confinados por culpa
deste mal que nos afecta, lin con estupor- supoño que outras persoas tamén o fixeron e
quedarían igual de asombradas- un artigo nun xornal do sur de Galicia, na súa sección
de Arousa, na que dicía no seu titular “Los bateeiros, dispuestos a enfrentarse a las
cofradías para poder recolectar mejilla”. As acepcións que contempla R.A.E. sobre a
palabra “enfrentar” non son nin de diálogo, nin de compañeirismo, nin de paz social
senón que son mais de malestar, destemple, desazón e incluso belicismo.
No desenvolvemento do artigo, entrecomíllase que “la administración no toma cartas
en el asunto”; estou totalmente de acordo. Debería de tomalas e cortar as ás a tanta
soberbia e prepotencia.
Un pouco máis adiante no mesmo parágrafo volven a entrecomillar que están dispostos
a “ir todos juntos a un lugar determinado de la costa a recoger semilla y terminar con
esto de una vez” – transcribo tal cual – e eu pregúntome, que nos van a tomar á forza
como fixeron os Suevos na antigüedade? Van a ir pobo por pobo guerreando con toda
unha comunidade? Quen se creen para ameazar desta forma? Quen lles dou ese poder?
Non nos van a amedrentar.
A “nosa” costa a diferenza das “súas” rías – ás que por certo deben de ter esquilmadas
senón non necesitarían da mexilla do resto do mundo – é famosa aparte doutras moitas
cousas pola súa bravura, esa bravura unhas veces recompénsanos e outras como é este
ano prexudícanos. Para os que nos dedicamos a este oficio foi un inverno moi duro –
dende novembro até hoxe por unhas circunstancias ou outras, da ultima década foi
cando menos rexistro de percebe capturado tivemos- a cría non pegou, os temporais
deixaron ás pedras nunha situación mala e non nos deixaron mariscar en condicións e
agora que se podería comezar a estabilizar a situación … pois non se pode. E os nosos
fillos, cando isto se amañe, tamén teñen que comer. Por iso non vamos a permitir que
nos avasalen.
En Galicia temos 1500 km de costa, e na nosa contorna o que pretendemos señores e
gardar en cada confraría un cachiño da “nosa” ribeira – O Roncudo, a Punta da Barca –
por nomear algún, que estes son, porque nós os coidamos como ouro en pano, os que
nos sustentan grande parte do ano. Eu porque coñezo a situación e falo con moita xente
doutras confrarías sei a ciencia certa que os bateeiros cando veñen as nosas zonas a
extraer mexilla dánselles diferentes opcións para que non perdan o día e poidan traballar
en sitios onde o percebe e de peor calidade e onde nós mariscamos puntualmente, aínda
sabendo que eses sitios van quedar arrasados.
Como dixen antes, como a administración non tome cartas no asunto e sente ás partes…
sendo suave, isto ten mal amaño.

 

Representantes dos percebeiros co edil muxián.

NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DE MUXÍA

O alcalde de Muxía reúnese cos percebeiros da localidade para escoitar as súas propostas

  • A xuntanza tivo lugar na Casa do Concello durante a tarde de onte.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, reuníuse cos percebeiros da localidade para escoitar as súas propostas e coordinar unha estratexia combinada que permita unha mellora nas condicións laborais do todas e todos eles.

A xuntanza tivo lugar na Casa do Concello durante a tarde de onte. O rexedor muxián valourou esta reunión como “tremendamente positiva porque nos permitiu achegar en primeira persoa as necesidades básicas dun sector tan castigado como o do percebe e tomar nota para poder elaborar unha estratexia conxunta e palir así os efectos da crise económica que non fixo máis que comezar”, apunta o edil.

O rexedor, seguindo esta línea, manterá unha reunión coa Conselleira do Mar, Rosa Quintana para tratar este tema e outros do sector. Iago Toba quixo agradecer a atención prestada pola Conselleira ante esta situación: “Creo que temos que remar todos xuntos na mesa dirección para encontrar solucións a este problema. Agradezco a disponibilidade que amosou a Conselleira e confío na súa boa intención”.

Respecto ao conflito vivido esta semana entre traballadores do sector, o rexedor muxián destacou que “defenderei en calqueira foro e ata o derradeiro momento os intereses dos nosos percebeiros. Trátase dun sector moi castigado pola crise e os vindeiros meses serán clave para todas e todos eles.” O rexedor remarcou que “son un sector fundamental para a vida económica do noso pobo, e temos que estar ao seu carón”.

-Foto percebeiros : Xesús Búa/Foto Lolas

-Texto : piratasdemuxia.es/Percebeiro/Departamento de Prensa Concello de Muxía

-Foto xuntanza : Departamento de Prensa Concello de Muxía

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.