Recepción municipal ao Vimianzo Tenis de Mesa polos seus éxitos deportivos desta pasada tempada.

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu na tarde deste pasado venres 10 de xullo unha recepción institucional en homenaxe ao Vimianzo Tenis de Mesa, nun acto organizado polo concello para recoñecer os importantes éxitos acadados polo club durante a tempada recentemente rematada.

Ao redor de medio cento de persoas, entre deportistas, familiares, membros do club e representantes municipais, participaron nesta emotiva celebración. O acto serviu para poñer en valor o gran traballo realizado polos xogadores e xogadoras da entidade, que pecharon a campaña con destacados resultados, entre os que sobresaen varios títulos de liga e campionatos provinciais.

Durante a recepción, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez dirixiuse aos asistentes cunha breve intervención na que felicitou ao club polos seus logros e destacou o “esforzo, a dedicación e os valores que transmite o deporte de base”. Posteriormente, o Concello fixo entrega de diversos agasallos conmemorativos tanto aos deportistas como ao propio club, como mostra de recoñecemento polos éxitos conseguidos.

Desde o Vimianzo Tenis de Mesa quixeron “agradecer ao Concello esta homenaxe e o apoio mostrado ao longo da tempada”. Ademais, trasladaron o seu agradecemento “a todas as persoas que participaron no acto e que acompañan ao club no seu día a día”.

Un recoñecemento que pon o broche de ouro a unha tempada histórica para a entidade vimiancesa, que continúa consolidándose como unha das referencias do Tenis de Mesa na comarca.

-Foto : Paco Paz

-Texto : Xosé Búa “Pirata”