PRMEIRA ROLDA DE PRENSA DA PRETEMPADA 2026/27 : DIEGO VILLARES : “O Mago de Samarugo marca o camiño…”.

O “Mago de Samarugo” abre a pretempada do Dépor: “Era un obxectivo que tiña a longo prazo, xogar en Primeira con este escudo”.

O Depor xa está de volta en Abegondo no Depor Training Center para preparar unha das tempadas máis ilusionantes da súa historia recente. O regreso á Primeira División xa está en marcha e a primeira comparecencia ante os medios tivo como protagonista ao gran capitán branquiazul, Diego Villares, o noso “Mago de Samarugo”, como bautizaron os nosos peñistas vilalbeses, que transmitiu ilusión, ambición e tamén a prudencia que sempre o caracteriza.

O centrocampista de Samarugo asegurou que esta pretempada ten un sabor moi especial despois de todo o camiño percorrido desde a antiga “Terceira de merda” ata volver situar aos nosos entre os grandes do fútbol español.

“Era un obxectivo que tiña a longo prazo”

Villares non ocultou a emoción que sente por afrontar a súa primeira campaña na máxima categoría co club da súa vida.

“Con ilusión. Esta pretempada sempre é un pouco máis ilusionante. Desde Segunda B son varios anos xa. Era un obxectivo que tiña a longo prazo, xogar en Primeira División con este escudo. Estou moi ilusionado”.

Unhas palabras que resumen o sentimento dun futbolista que viviu as etapas máis difíciles do Depor e que agora poderá desfrutar do premio ao traballo de todos estes anos.

Primeiro…asegurar a permanencia

A pesar da ilusión polo regreso á elite, o capitán ten claro que o equipo non debe perder de vista cal é o primeiro reto da campaña.

“Como na tempada despois do ascenso a Segunda, o obxectivo é conseguir eses 40 ou 42 puntos para lograr a salvación o antes posible”.

Unha vez cumprido ese obxectivo, tocará gozar dunha categoría que o deportivismo levaba demasiado tempo sen pisar.

“Desfrutar, sobre todo, o máximo posible e competir, que é o máis bonito que podemos facer”.

Coñecendo aos novos compañeiros

Os primeiros días en Abegondo tamén serven para integrar ás novas incorporacións e recuperar sensacións sobre o céspede, neste caso xa estiveron os 3 primeiro en enrolarse na nave branquiazul.

“Como todos os anos, imos coñecendo pouco a pouco aos que non estaban, aos que volven como Kevin, Guerre ou Xabi, que sobe. Tamén estamos coñecendo aos fichaxes. Son días intensos, como todos os inicios de pretempada”.

Sobre o traballo realizado nestas primeiras sesións explicou que:

“Non moi distinto de momento. Só levamos dous adestramentos, pero imos collendo ritmo e asimilando conceptos con balón”.

Tamén tivo palabras para os novos futbolistas que xa comezaron a traballar ás ordes do corpo técnico.

“Pouco lles puiden ver… a Leo case nada; a Teun e Bright un pouco máis. Sobre todo hoxe, que tivemos algo máis de contacto todos xuntos. Vélos ilusionados, con ganas de achegar e con esa enerxía nova que sempre é importante”.

A xente está moi ilusionada con este retorno

O futbolista samarugués tamén destacou o ambiente que se respira arredor do club desde que se conseguiu o ascenso.

“Tiñamos ganas despois de tanto tempo. Vexo á xente moi ilusionada con este regreso”.

Renovación sen complicacións

Villares explicou tamén como foi o proceso da súa renovación co Deportivo, deixando claro que ambas partes sempre tiveron a mesma intención.

“Desde o primeiro momento deixara clara a miña intención e o club trasladoume o mesmo. Houbo un par de meses de contactos, como en todas as renovacións, pero chegamos a un acordo facilmente”.

Unha pretempada con rivais de nivel

O capitán tamén falou da planificación do verán, que levará ao Depor a disputar amigables internacionais.

“É unha pretempada un pouco máis extensa, pero pode ser parecida á do ano pasado en Londres. Este ano imos máis ao sur. Temos ganas de enfrontarnos a novos equipos que teñan un nivel similar ao noso. Estamos ilusionados con eses partidos, o primeiro en Alemaña e despois en Italia”.

O “Mago de Samarugo” foi o encargado de abrir oficialmente a pretempada dun Depor que xa mira cara ao regreso á Primeira División coa mesma ilusión que transmite unha afección que levaba anos soñando con este momento.

Todo o que dixo Diego Villares podes escoitalo no vídeo que axuntamos.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”