PRIMEIRA ROLDA DE PRENSA DE IMANOL IDIAKEZ DA TEMPADA 2024/25.

 

A falta de case 23 días para o peche do mercado, Imanol Idiakez mostrouse na sala de prensa de Abegondo “contento co que chegou. Cada ano pono máis difícil porque este ano hai 3 xornadas de liga co mercado aberto. Sempre mantiven que o ideal sería que no momento que empeza a liga o mercado estivese pechado porque non é bo para ninguén, nin para os clubs, nin para os adestradores, nin para os propios xogadores. Pódenos confundir a todos, pero o ritmo do mercado é o que é, e máis con estes prazos. En Primera División hai 4 xornadas antes de peche de mercado, en Segunda División 3. É unha auténtica barbaridade. O mercado móvese ao ritmo que se move”.

Cre que “estamos a dar pasos firmes, é dicir, que o que estamos a asinar estamos a asinalo absolutamente convencidos que é importante; e aínda que é verdade que sempre nos gustaría a todos, tanto á Dirección Deportiva como ao adestrador, que os xogadores veñan canto antes, o ritmo non o marcamos nós”.

Por conseguinte móstrase “convencido de que, igual que os que viñeron asinámolos absolutamente convencidos, o resto que veñan tamén vai ser así”.

Con 2 partidos en 2 días (este venres semifinal da LXXIX edición do Trofeo Teresa Herrera ante Unionistas de Salamanca ás 20:30 e o sábado terceiro ou cuarto posto ou ben a final), advirte o preparador deportivista que “coas baixas que temos, co cadro como a temos, vou priorizar a xestión do gasto físico para que sobre todo non haxa máis lesións e podamos chegar ao sábado que vén na xornada 1 de liga co maior número de xente posible en condicións”.

Deixa claro que a pretemporada “serve para o que serve. É verdade que serve para recuperar o ton físico, para estar xuntos, para facer moitas probas…. Sacar moitas conclusións adoita ser un erro porque normalmente fas cousas que non vas facer durante a temporada. Hai mesturas que pasan, non hai puntos en xogo de verdade, os cadros están sen completar. Hai moitísimas cousas que recomendan que non saquemos grandes conclusións da pretemporada”.

Finalmente subliña que “estou a aproveitar para probar unha chea de diferentes circunstancias, a xogadores en diferentes postos, a complementariedades que podo intuír que poidan ir por aquí ou por alá, pero ata que non pite o árbitro o primeiro partido de liga isto non empeza de verdade. A pretemporada é importante sobre todo cando chegas a un equipo novo. Nós mantemos moita xente da temporada pasada, co cal tampouco a nivel conceptual hai tanto cambio ou ten tanta importancia o traballo en canto á forma de entender o xogo. Si a ten pero non tanta. Estamos no camiño. Houbo cousas mellores que outras como sempre, pero a verdade realmente empeza a semana que vén”.

-Foto, texto e vídeo : RC Deportivo

-Texto en castelán : https://www.rcdeportivo.es/noticias/imanol-contento-con-lo-que-ha-llegado-cree-que-el-depor-en-este-mercado-esta-dando-pasos-firmes

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies