A 31ª xornada da Primeira Futgal G2 deixou unha fin de semana de emocións fortes para os equipos da Costa, con resultados de todo tipo e consecuencias importantes tanto pola zona alta como pola loita pola permanencia.
O empate do CF Muxía no feudo do Cacheiras permítelle seguir sumando e achegarse un chisco máis á zona de promoción, nunha xornada na que os de arriba apertan aínda máis a clasificación. O liderado queda agora compartido entre Arzúa e Club do Mar con 60 puntos, mentres que Cacheiras e Calo quedan ao acecho con 56. O Muxía, con 52, mantense nunha posición privilexiada para loitar por algo máis neste treito final.
Na zona baixa, a situación complícase seriamente. A derrota do SD Fisterra en Bastavales e o empate do Camariñas en Arzúa (que soubo a pouco tras ir gañando) deixan aos tres equipos costeiros en postos de descenso directo. O SD Castriz, pola súa banda, colle aire cun triunfo claro no derbi ante unha Esteirana moi minguada, que certifica matematicamente o descenso a falta de tres xornadas.
Coa clasificación comprimida e moito en xogo, as últimas datas preséntanse de auténtico infarto para os equipos da Costa.
CRÓNICAS
Bouzi aguantou o equipo no encontro.
SD Cacheiras 0-0 CF Muxía
Partido moi igualado e de moita intensidade, no que as interrupcións foron protagonistas e impediron que ningún dos dous conxuntos atopase continuidade no xogo. O encontro alongouse máis alá do minuto 115, reflexo do número de paróns que houbo. O Muxía suma un punto valioso ante un rival directo na zona alta.
Goles : 0-0.
Sergio “Pataca”, (adestrador do Muxía) : “Partido igualadísimo, no cal nos presentamos en Cacheiras co equipo baixo mínimos, con cinco baixas importantes que non fixeron que o equipo deixase de competir a un nivel incrible. Cambiando o sistema e o plan de partido habitual, o equipo case non o sufriu.
Dicir tamén que non tivemos demasiadas ocasións para gañar, pero si algunha para poder levarnos os tres puntos. Contra o final intentamos arriscar para conseguilos; aí o partido abriuse e puido caer de calquera lado, tendo dúas boas, pero tamén apareceu a figura de Bouzi para sacar unha man campal”.
Bastavales UD 5-1 SD Fisterra
Dura derrota do Fisterra nun encontro no que o Bastavales foi moi superior, especialmente tras o descanso. Os locais puxéronse por diante cun gol en propia porta e foron ampliando a vantaxe cun inspirado Julián Nieto, autor dun hat-trick. Isaac Fábregas recortou distancias momentaneamente, pero o Bastavales pechou a goleada no tramo final.
Goles : 1-0, Pacín, (13´en propia); 2-0, Julián Nieto, (45´+1); 3-0, Julián Nieto, (51´); 4-0, Julián Nieto, (59´); 4-1, Isaac Fábregas, (62´); 5-1, Rubén Portos, (85´).
CSD Arzúa 2-2 Camariñas FC
Gran partido do Camariñas no campo do líder, onde chegou a remontar o tanto inicial do Arzúa e puxo contra as cordas ao primeiro clasificado. Porén, un gol no minuto 89 deixou aos costeiros sen unha vitoria que xa saboreaban. Un punto que sabe a pouco e que, ademais, os deixa en postos de descenso.
Goles : 1-0, Hugo, (4´); 1-1, Antonio Lista, (47´); 1-2, David Pasantes, (67´); 2-2, Mosteiro, (89´).
SD Castriz 3-0 SCDR Esteirana
O derbi caeu do lado dun Castriz que foi superior e aproveitou as moitas baixas da Esteirana, que chegou con varios xogadores xuvenís e só tres cambios dispoñibles. Juan Díaz abriu o marcador na primeira metade e encargouse tamén de pechar o partido cun segundo tanto nos minutos finais, tras o gol previo de José Luis.
Goles : 1-0, Juan Díaz, (19´); 2-0, José Luis, (80´); 3-0, Juan Díaz, (85´).
A Esteirana certifica así o descenso matemático a Liga da Costa, mentres que o Castriz colle osíxeno nun momento clave da tempada.
.