PRIMEIRA FUTGAL G2, (28ª Xda) : “Golpe do Muxía ao líder e o Fisterra reaviva a loita pola permanencia cos equipos da costa moi danados”.

PRIMEIRA FUTGAL G2

28ª Xornada

Domingo 29/03/2026

Os partidos dos equipos da Costa:

SD Fisterra 1-0 SD Castriz

SCDR Esteirana 0-3 Praiña SC

Camariñas FC 1-4 Vizoño SD

CF Muxía 2-1 CSD Arzúa

.

As crónicas están abertas para ir incorporando os comentarios que nos cheguen dos adestradores, xa que nós non pedimos a ninguén, o que queira pode mandalos e coma sempre son postos ao completo e baixo a sua responsabilidade.

O Muxía tumbou o lider na Arliña.

CRÓNICA XERAL

A 28ª xornada da Primeira Futgal G2 deixou unha fin de semana intensa para os equipos da Costa da Morte, con resultados de todo tipo pero cun denominador común: a emoción medra tanto pola zona alta como pola baixa da clasificación.

A gran nova chegou desde “A  Arliña”, onde o CF Muxía asinou unha das vitorias máis importantes da tempada ao derrotar ao líder, o CSD Arzúa, nun encontro de gran nivel competitivo que confirma o excelente momento dos da Capital de Nemancos, xa plenamente metidos na pelexa polos postos nobres.

Tamén foi especialmente significativa a vitoria do SD Fisterra no derbi costeiro ante o Castriz. Os fisterráns sumaron tres puntos de ouro que apertan definitivamente a zona baixa, na que por desgraza é “territorio” dos equipos da Costa están inmersos nunha loita pola salvación antre eles mesmos.

O Camariñas resisteu durante moitos minutos ante un Vizoño moi efectivo, mentres que o Esteirana, moi condicionado polas baixas e cun cadro curto, pouco puido facer ante un Praíña que continúa amosándose especialmente fiable ante os conxuntos costeiros.

Para a liga e ven a Copa

A vindeira fin de semana non haberá competición no que a liga se refire por mor das celebracións da Semana Santa, pero sí que haberá copa. No caso dos equipos costeiros xóganse as semifinais da “LXI Copa da Costa” o 5 de Abril e só sigue vivo desta categoría o CF Muxía que recibirá na Arliña o SD Sofán da Preferente Norte. O outro encontro é antre o CF Porteño e o SCD Malpica en terras malpicanas. 


Crónicas

SD Fisterra 1-0 SD Castriz

Goles: 1-0, Dani Martínez (47´).

Ambientazo no Ara Solis, que comeza a crer seriamente na permanencia. O derbi costeiro estivo marcado pola tensión e pola igualdade entre dous equipos que se xogaban moito máis ca tres puntos.

O encontro mantívose moi disputado ata o descanso, con moita intensidade e poucas concesións. Nada máis comezar a segunda metade, Dani Martínez adiantaba ao Fisterra cun gol decisivo que acabou sendo definitivo.

O tramo final foi extremadamente tenso, con numerosas interrupcións e un elevado número de cartóns. O Fisterra viu ata nove amarelos, seis deles nos derradeiros dez minutos, o que provocou as expulsións de Daniel Martínez (48´ e 81´) e Ezequiel (90´ e 90´). Polo Castriz, Brais viu amarelo á media hora e Saúl Proupin foi expulsado con vermello directo no minuto 84.

Moito traballo para o colexiado Alejandro Tato nun partido de máxima tensión que deixa ao Fisterra moi vivos na loita pola salvación.


SCDR Esteirana 0-3 Praíña SC

Goles: 0-1, David Calvo (13´); 0-2, Jorge Pascual (18´); 0-3, David Calvo (66´).

O Praíña continúa demostrando que se lle dan ben os equipos da Costa e resolveu cedo o encontro cun inicio moi efectivo. Dous goles nos primeiros vinte minutos puxeron o partido moi costa arriba para un Esteirana moi condicionado polas baixas.

O conxunto local contou unicamente con 14 xogadores, circunstancia que marcou o desenvolvemento dun choque no que os visitantes controlaron os tempos e sentenciaron definitivamente na segunda metade.


Camariñas FC 1-4 Vizoño SD

Goles: 0-1, Jesús Ois (6´); 1-1, Brais (19´); 1-2, Jesús Ois (76´); 1-3, Raúl (78´); 1-4, Martín (90´).

Resultado excesivo para un Camariñas que competiu durante moitos minutos e que mantivo o partido aberto ata ben entrada a segunda metade.

Tras o gol inicial visitante, Brais igualou pronto o marcador e deu esperanza aos locais. O encontro volveuse máis trabado tras o descanso e especialmente despois do 1-2, momento no que o Camariñas arriscou máis buscando o empate. Os espazos apareceron e o Vizoño aproveitounos para ampliar a diferenza nos minutos finais.


Manu Nogueira na xogada na que fai o gol.

CF Muxía 2-1 CSD Arzúa

Gran vitoria do conxunto muxián ante o líder da categoría nun encontro que reafirma o gran momento do equipo muxián.

Goles: 1-0, Manu Nogueira; 1-1, Iván García, (52´); 2-1, Víctor Alcaina, (62´de penalti).

O Muxía entrou moi forte ao partido, dominando desde o inicio e xerando perigo ata atopar o premio nunha gran acción individual de Manu Nogueira. O Arzúa reaccionou tras o descanso cun gran gol desde fóra da área, pero o encontro volveu caer do lado “corviño”, que recuperou o control e acabou levando os tres puntos o materializar o especialista Víctor Alcaina un penalti moi protestado polos visitantes.

Declaracións do adestrador do CF Muxía, Sergio “Pataca”:

“Partidazo do Muxía. Quitando 10 minutos ao final da primeira parte e o principio da segunda, fomos total dominadores do encontro, empezando moi fortes, xerando xogadas e pronto unha acción individual de Nogueira póñenos 1-0. Seguimos co control pero sen xerar demasiado.

Na segunda empata o Arzúa cun bo gol de fóra da área pola escadra. A partir de aquí o partido foi do Muxía totalmente, poñéndonos por diante cun penalti moi dubidoso e xerando tres ocasións moi claras de gol. Vitoria de moito valor que fala da tempada que está a facer este equipo.”


Clasificación

1º CSD Arzúa : 53
2º SR Calo : 53
3º Club do Mar : 51
4º SD Cacheiras : 49
5º CF Muxía : 47
6º Bertamiráns FC : 46
7º Vizoño SD : 45
8º Racing San Lorenzo : 45
9º Praíña Sporting Club : 42
10º CCD Queixas : 39
11º SD Tordoia : 37
12º Boimorto CF : 34
13º Cire de Melide : 33
14º Camariñas FC : 28
15º SD Castriz : 27
16º Bastavales UD : 27
17º SD Fisterra : 27
18º SCDR Esteirana : 17

.

PRIMEIRA FUTGAL G2

29ª Xornada

Domingo 12/04/2026

Os partidos dos equipos da Costa:

CSD Arzúa – SD Fisterra

SD Castriz Boimorto CF

Vizoño SD – SCDR Esteirana

Club do Mar  Camariñas FC

CF Cire de Melide  CF Muxía

Clasificación : PREME AQUÍ

.

.

.-Fotos Muxía : Marina Busto

-Texto : Xosé Búa “Pirata”