PRIMEIRA FUTGAL G2, (23ª Xda) : “O Muxía cae 7 encontros despois, o Fisterra lévase o derbi ante a Esteirana e o Castriz e Camariñas caen derrotados na casa”.

PRIMEIRA FUTGAL G2

23ª Xornada

Domingo 22/02/2026

Os partidos dos equipos da Costa:

SCDR Esteirana 0-2 SD Fisterra

Camariñas FC 1-2 Boimorto CF

CCD Queixas 3-1 CF Muxía

SD Castriz 0-2 SD Cacheiras

 

 

Crónica xeral 

A 23ª xornada deixou movementos importantes na Primeira FUTGAL G2 para os equipos da Costa, especialmente na zona alta e baixa da clasificación. A nota máis destacada foi a derrota do CF Muxía, que perde o coliderado e cae á terceira praza tras unha espectacular serie de 13 encontros nos que só coñecera unha derrota, con 11 vitorias e un empate.

No derbi costeiro e de colistas, o SD Fisterra asinou unha vitoria clave no campo da SCDR Esteirana (0-2), un triunfo que lle permite achegarse á salvación. Pola súa banda, a Esteirana queda como colista en solitario, a 12 puntos da permanencia.

Xornada negativa para Camariñas FC e SD Castriz, ambos derrotados nos seus encontros. Con todo, os dous equipos vense beneficiados pola derrota do Bastavales, que marca os postos de descenso: o Castriz sendo o equipo que marca a salvación, mantén unha renda de cinco puntos e o Camariñas de seis sobre a zona vermella.


Crónicas 

 

CCD Queixas 3-1 CF Muxía

O Muxía viu cortada a súa excelente dinámica no campo do Queixas, nun partido marcado polo balón parado, unha faceta do xogo que domina moi ben o equipo local polas dimensións do seu campo. Os locais adiantáronse xusto tras o descanso e, aínda que o cadro costeiro foi capaz de empatar, dous goles case consecutivos e outro xa no desconto decantaron o encontro.

 Sergio “Pataca” (adestrador do Muxía) :

“Foi un partido no que non estivemos ao nivel que se nos esixe para estar nos postos de cabeza. Na primeira parte custounos adaptarnos ao xogo directo e ao balón parado, tanto en saques de banda como en faltas e córners do Queixas. A pesar diso, xeramos dúas ocasións moi boas para poder marcar.

Na segunda parte marcáronnos tras un fallo defensivo; despois fomos capaces de ter algo máis de balón e conseguimos empatar, pero novamente o balón parado fixo que o rival se levase os tres puntos. Este golpe espero que nos sirva para aprender que nesta liga, se se quere gañar, hai que estar ao 100 % todos os partidos.”

Goles:
1-0, Kevin (46’);
1-1, Fran Moreira (68’);
2-1, Gonzalo (71’);
3-1, Gonzalo (97’).


SCDR Esteirana 0-2 SD Fisterra

O Fisterra levou o derbi da Costa nun partido serio e eficaz. Os de Fisterra golpearon cedo cun tanto de Ezequiel e souberon controlar o xogo fronte a unha Esteirana que quer pero non pode. Xa no tramo final, Isaac Fábregas sentenciou o encontro cun segundo gol que dá aire aos fisterráns na loita pola permanencia.

Goles:
0-1, Ezequiel (16’);
0-2, Isaac Fábregas (80’).


Camariñas FC 1-2 Boimorto CF

O Camariñas non puido facer bo o factor campo e caeu ante un Boimorto efectivo. O partido comezou cun gol en propia porta que puxo por diante aos camariñáns, pero a reacción visitante foi inmediata. O Boimorto deu a volta ao marcador antes do descanso e certificou a vitoria na segunda metade.

Goles:
1-0, Jesús (24’, propia porta);
1-1, Borja (28’);
1-2, Alexandre (51’).


SD Castriz 0-2 SD Cacheiras

Derrota do Castriz nun encontro condicionado pola expulsión de Alberto Mata, que viu o segundo cartón amarelo no minuto 52. O Cacheiras xa se adiantara no primeiro tempo e ampliou a vantaxe pouco antes da expulsión, sabendo xestionar o partido con superioridade numérica.

Goles:
0-1, Manuel Vaamonde (13’);
0-2, Manuel Fernández (50’).


Clasificación

S.R. Calo : 45
2º C.S.D. Arzúa : 43
CF Muxía : 42
4º S.D. Cacheiras : 41
5º Club do Mar : 40
6º Bertamiráns F.C. : 40
7º Rac San Lorenzo : 36
8º Vizoño S.D. : 35
9º Praíña Sporting : 31
10º Cire de Melide : 30
11º CCD Queixas : 30
12º Boimorto C.F. : 29
13º Camariñas FC : 27
14º S.D. Tordoia : 26
15º SD Castriz : 26
16º U.D. Bastavales : 21
17º SD Fisterra : 17
18º SCDR Esteirana : 14

.

PRIMEIRA FUTGAL G2

24ª Xornada

Domingo 01/03/2026

Os partidos dos equipos da Costa:

Boimorto CF , SCDR Esteirana

Camariñas FC SD Tordoia

SD Fisterra CCD Queixas

CF Muxía Praiña SP

Bertamiráns FC  SD Castriz

 

.

-Fotos : Marina Busto

-Texto : Xosé Búa “Pirata”