PRIMEIRA FUTGAL G2, (22ª Xda) : “O Muxía xa é colíder, o Camariñas e Castriz saen a flote e a Esteirana e Fisterra afúndense”.

PRIMEIRA FUTGAL G2

22ª Xornada

Domingo 15/02/2026

Os partidos dos equipos da Costa:

SD Fisterra 0-2 Camariñas FC

Bastavales UD 1-2 SD Castriz

CF Muxía 4-1 SCDR Esteirana, (Crónica)

CRÓNICA XERAL

Xornada de contrastes para os equipos da Costa na Primeira FUTGAL G2. O Muxía confirma o seu gran momento e xa é colíder, mentres que o Camariñas colle unha bocanada de aire vital nun derbi directo pola supervivencia. Pola contra, Fisterra e Esteirana afúndense un pouco máis nunha zona baixa que cada vez queima máis, e o Castriz segue a súa escalada silenciosa afastándose do perigo con paso firme.

Martes de Entruido Oitavos da Copa

Mañán Martes de Entruido xogaranse os 5 encontros que quedan por disputar dos Oitavos de Final da Copa da Costa, dos que xa se xogaron 2 e pasaron eliminatoria o Castriz e o Porteño. O final das crónicas tes tódolos enfrontamentos e horarios.

CRÓNICAS

SD Fisterra 0-2 Camariñas FC

Derbi costeiro con sorriso camariñán

Segundo derbi no que vai de mes para Fisterra e Camariñas, logo de que ambos caesen ante o Muxía no anterior. Desta volta, a moeda caeu do lado dos camariñáns, que souberon xogar mellor as súas cartas nun partido clave pola loita por escapar da zona quente.

O encontro mantívose igualado durante boa parte do choque, pero apareceu Djibril para marcar diferenzas. Primeiro xusto antes do descanso (42’) e xa co Fisterra envorcado, sentenciou no minuto 90 para pechar un triunfo de ouro. Tres puntos que permiten ao Camariñas respirar, mentres que o Fisterra segue afundido na clasificación.

Bastavales UD 1-2 SD Castriz

O Castriz non frea e segue escalando

O Castriz continúa coa súa espectacular dinámica positiva e sumou en Bastavales unha vitoria tan sufrida como balsámica. Adiantouse o conxunto costeiro por medio de Fabián no minuto 35, pero a alegría durou pouco, xa que Adán empataba cinco minutos despois.

Cando o partido parecía encamiñado ao reparto de puntos, apareceu Marcos Mouro no 86’ para darlle tres puntos fundamentais aos de Castriz. Xa son cinco xornadas sen perder (3 vitorias e 2 empates) e o descenso queda agora a cinco puntos, unha distancia que comeza a dar tranquilidade.

Os  castricenses viñan tamén de derrotar o veciño Xallas no encontro do pasado venres dos Oitavos da Copa da Costa, (2-3), e do que xa vos falamos.

 CF Muxía 4-1 SCDR Esteirana

O Muxía manda e xa é colíder

(Partido xa cronicado tralo encontro)

Nova exhibición dun Muxía que non entende de freos e que pasou por riba da Esteirana, deixando aos de Muxía como colíderes da competición con 42 puntos, os mesmos que o Calo. Pola súa banda, a Esteirana queda moi tocada e metida de cheo na loita por evitar o descenso.


CLASIFICACIÓN

1º Calo: 42
Muxía CF: 42
3º Arzúa: 40
4º Bertamiráns: 40
5º Cacheiras: 38
6º Club do Mar: 37
7º San Lorenzo: 36
8º Vizoño: 32
9º Praíña Sporting: 31
10º Cire de Melide: 30
11º Queixas: 27
12º Camariñas FC: 27
13º Boimorto: 26
14º SD Castriz: 26
15º Tordoia: 23
16º Bastavales: 21
17º SD Fisterra: 14
18º SD Esteirana: 14

.

LXI COPA DA COSTA

-OITAVOS-

17/02/2026

SCD Malpica-SD Fisterra, ás 18:00

UD Monte Louro-CF Corme, ás 19:00

Volantes de Baño FC 0-4 CF Porteño

SD Laxe-Sporting Zas, ás 17:00

Xallas FC 2-3 SD Castriz, (Crónica)

CF Muxía-Camariñas FC, ás 16:30

Outes FC-Cabana SD, ás 19:45

.

-Fotos : Marina Busto

-Texto : Xosé Búa “Pirata”