PRIMEIRA FUTGAL G2, (15ª da) : “Xornada desastrosa para os equipos da costa dos que só puntuou o Castriz e tamén con forte polémica arbitral no Cire de Melide-Camariñas”.

PRIMEIRA FUTGAL G2
15ª Xornada
Domingo 14/12/2025

Os partidos dos equipos da Costa:

Bertamiráns FC 4-1 CF Muxía

SD Cacheiras 3-0 SD Fisterra

CSD Arzúa 3-0 SCDR Esteirana

SD Castriz 2-2 CCD Queixas

CF Cire de Melide 3-1 Camariñas FC

CRÓNICA XERAL

Xornada negra para os equipos da costa na Primeira FUTGAL G2
A 15ª xornada deixou un panorama moi negativo para os conxuntos da costa na Primeira FUTGAL G2, nunha fin de semana claramente adversa na que dos seis equipos costeiros só o SD Castriz foi quen de sumar, e fíxoo cun empate agónico que soubo a pouco polos méritos feitos. O balance global é contundente: cinco derrotas e un único punto, nunha xornada que ademais volve pechar a clasificación con tres equipos da costa.

O CF Muxía caeu con honra no campo do líder, o Bertamiráns FC, nun partido vibrante e de moita esixencia no que os muxiáns competiron de ti a ti durante boa parte do encontro, pero no que acabaron penalizados pola eficacia local e por dous goles finais que fixeron demasiado castigo para o visto no terreo de xogo.

Máis contundentes foron as derrotas do SD Fisterra e da SCDR Esteirana, ambos superados por 3-0. Os fisterráns competiron con orde en Cacheiras, pero dous goles a balón parado marcaron un encontro que se lles puxo costa arriba moi cedo. A Esteirana, pola súa banda, chegou a Arzúa moi mermada polas baixas, cun banco moi curto, e acabou pagando o esforzo ante un dos aspirantes ao ascenso.

Tampouco puido puntuar o Camariñas FC en Melide, nun partido marcado pola polémica arbitral e pola expulsión do seu adestrador, Juan Cabrejo, nun choque no que os camariñáns volveron quedar sen premio pese a competir ata o final.

A única nota positiva chegou desde Castriz, aínda que con sabor agridoce. O SD Castriz rescatou un punto no último suspiro ante o CCD Queixas nun partido que tivo controlado durante moitos minutos, pero no que a falta de acerto e dous balóns parados nos instantes finais estiveron a piques de deixalos sen nada. Ese empate permítelles sumar, pero caen zona vermella.

A clasificación reflicte con claridade esta mala xornada: Esteirana (18ª), Fisterra (17ª) e Castriz (16º) ocupan os tres últimos postos, mentres que Muxía, e Camariñas son os dous que se aguantan en boas posicións con respecto o descenso, os muxiáns incluso mirando cara arriba. Unha xornada esta 15ª para esquecer que obriga aos equipos da costa a reaccionar canto antes se non queren quedar descolgados nunha liga cada vez máis esixente e igualada.

CRÓNICAS

Bertamiráns FC 4-1 CF Muxía

Derrota con honra do Muxía no campo do líder

O CF Muxía saíu derrotado do campo do Bertamiráns FC nun encontro intenso, vistoso e cheo de alternativas, no que os muxiáns competiron de ti a ti durante moitos minutos ante o líder da categoría. O marcador final resulta excesivo para o visto no terreo de xogo, especialmente polo desenlace do segundo tempo.

O Bertamiráns adiantouse con dous goles tras centros laterais, pero o Muxía reaccionou cambiando o sistema e recurtou diferenzas antes do descanso desde o punto de penalti. Na segunda metade, os da Vila da Barca saíron decididos a buscar o empate, pero un gol en transición, con mala fortuna tras un rexeite nun defensor, fixo moito dano. Pouco despois chegou o cuarto, que pechou definitivamente o choque.

Goles:
1-0, José Varela (11’);
2-0, Adrián Castro (18’);
2-1, Fran Moreira (44’, penalti);
3-1, Pablo Antelo (68’);
4-1, David González (70’).

Sergio “Pataca” (adestrador do CF Muxía):

“Foi un partido bonito e vibrante, con dous equipos xogando de ti a ti. No minuto 2 temos a primeira ocasión ao pau e xa responde o Bertamiráns cun man a man que solventa Iván. Houbo un tramo no que nos custou máis e eles estiveron mellor, poñéndose 2-0, ambos goles tras centros laterais.

Cambiamos o sistema para contrarrestar a súa proposta e o equipo empezou a sentirse moito máis cómodo. Tivemos unha ocasión a porta baleira que saca un defensa baixo paus e conseguimos o 2-1 de penalti antes do descanso.

Na segunda parte saímos moi conectados e coa intención de ir a polo partido. Arriscamos con dous cambios e pasou a ser un partido de transicións. Tivemos algunha opción, pero nunha contra e con mala fortuna, tras tocar o disparo nun defensor que enganou a Iván, chegou o 3-1. Ese gol fíxonos moito dano e pouco despois chegou o 4-1 tras unha falta. A partir de aí tocou aguantar o chaparrón.”

SD Cacheiras 3-0 SD Fisterra

Castigo excesivo nun partido competido polos fisterráns

O SD Fisterra regresou de baleiro da súa visita ao Cacheiras nun encontro no que o marcador non reflicte del todo o rendemento do conxunto costeiro. Dous goles a balón parado, un deles xusto ao comezo da segunda metade, marcaron o devir do partido e acabaron coas opcións de puntuar.

Goles:
1-0, José Emilio (13’);
2-0, Alberto Balsa (47’);
3-0, David Salgueiro (66’).

Leo Picallo (adestrador do SD Fisterra):

“Foi un partido aceptable pola nosa parte, a pesar do marcador. Competimos bastante ben. Os dous primeiros goles chegan a balón parado, e o segundo, nada máis comezar a segunda metade, acabou coas nosas esperanzas de puntuar.

Penso que, con todos os condicionantes que se nos están dando, o equipo estivo á altura e sempre deu a cara.”

CSD Arzúa 3-0 SCDR Esteirana

A Esteirana paga as baixas ante un dos aspirantes

A SCDR Esteirana caeu con claridade no campo do CSD Arzúa nun partido condicionado polas numerosas baixas coas que chegaron os costeiros, que só contaban con tres xogadores de refresco no banco. O Arzúa, sólido e eficaz, resolveu o choque na segunda metade.

Goles:
1-0, Joshep (38’);
2-0, Brais (50’);
3-0, Eloy (62’).

SD Castriz 2-2 CCD Queixas

Empate agónico con sabor agridoce

O SD Castriz salvou un punto no último suspiro nun partido tolo nos minutos finais, no que pasou de gañar a perder e volver empatar ante o CCD Queixas. Os locais foron superiores durante moitos tramos, especialmente na segunda parte, pero a falta de acerto condenounos a un empate que sabe a pouco.

O Queixas conseguiu darlle a volta ao marcador con dous balóns parados xa no treito final, pero Marcos Mouro apareceu no desconto para rescatar un punto nun córner.

Goles:
1-0, Marcos Corzón (67’);
1-1, Martín Tovar (87’);
1-2, Pablo Loureiro (91’);
2-2, Marcos Mouro (94’).

Incidencias:
Expulsado no banco o xogador do Queixas Martín Fieira, con vermello directo no minuto 36.

Miguel Chouza (adestrador do SD Castriz):

“Foi un partido ante un rival moi ben traballado, cunha idea de xogo moi definida: presión alta, obrigar a xogar por arriba e gañar duelos aéreos, onde probablemente sexan o mellor equipo da categoría.

Custounos adaptarnos e, a pesar de ter o dominio, apenas creamos perigo na primeira parte. Na segunda cambiamos o esquema e o plan de xogo para saír combinando e estivemos mellor.

Marcamos cun golazo de Chapela e tivemos tres ocasións moi claras para matar o partido, pero non acertamos. Os últimos minutos foron caóticos: en dous balóns parados déronlle a volta ao marcador e no último suspiro empatamos nun córner cabeceado por Marcos Mouro, nunha semana na que o merecía.

Quédanos unha sensación agridoce, porque rescatamos un punto, pero antes tiñamos que ter pechado o encontro.”

CF Cire de Melide 3-1 Camariñas FC

Derrota marcada pola polémica arbitral

O Camariñas FC perdeu en Melide nun encontro condicionado pola actuación arbitral e pola expulsión do seu adestrador, Juan Cabrejo, mediado o segundo tempo. Os camariñáns mantiveron opcións ata o tramo final, pero acabaron marchando sen premio.

Goles:
1-0, Adrián López (9’);
2-0, Asier Polo (61’);
2-1, Adam (66’, penalti);
3-1, Oli (97’, en propia porta).

Juan Cabrejo (adestrador do Camariñas FC):

O técnico camariñán quixo deixar claro que a súa queixa vai máis alá dos erros arbitrales, que considera asumibles no fútbol afeccionado, e céntrase principalmente na actitude do colexiado Gómez Gutiérrez, á que cualifica de provocadora e prepotente. Segundo Cabrejo, o árbitro mantivo durante o partido unha forma de comunicación cos xogadores “falándolles mal, con chulería”, algo que entende como inadmisible nun contexto deportivo.

A expulsión produciuse, segundo relata o adestrador, tras unha sucesión de situacións que desembocaron nunha dobre sanción consecutiva, nun clima de tensión crecente. Cabrejo asegura que, ao preguntarlle o motivo da segunda tarxeta, o colexiado respondeu que se trataba dunha vermella directa por unhas supostas palabras textuais: “eres un magnífico”, expresión que o técnico nega que tivese carácter ofensivo. Ademais, denuncia que o árbitro chegou a ameazalo con reflectir na acta xestos inexistentes, cando (segundo o adestrador camariñán) “tiña as mans nos petos da chaqueta”.

Un dos puntos máis graves da denuncia é a referencia á redacción da acta arbitral, que Cabrejo considera falsa e afastada do acontecido no terreo de xogo. O técnico lamenta que, “aínda habendo testemuñas, incluso do equipo rival”, a versión arbitral sexa a única que teña validez oficial, o que lle deixa ao club sen marxe real de defensa.

Cabrejo recoñece ser consciente das posibles consecuencias disciplinarias das súas palabras, pero admite que decidiu falar porque sentía que, de non facelo, “reventaba”. Conclúe asumindo que lle poidan caer partidos de sanción, afirmando que “xa dá igual todo” e reivindicando que, aínda que non todos os árbitros son iguais, “non todo vale” dentro dun terreo de xogo.

Un episodio que volve poñer o foco na relación entre colexiados e bancos na categoría, e que deixa no Camariñas FC unha fonda sensación de indefensión tras un encontro no que, máis alá do resultado, a polémica acabou ocupando o primeiro plano.

Clasificación 

1º Bertamiráns FC – 31 pts
2º CSD Arzúa – 28
3º SR Calo – 27
4º SD Cacheiras – 27
5º Vizoño SD – 25
6º Club do Mar – 23
7º CF Muxía – 23
8º Racing San Lorenzo – 22
9º CF Cire de Melide – 21
10º Sporting Praíña – 21
11º Boimorto CF – 21
12º Camariñas FC – 21
13º CCD Queixas – 18
14º SD Tordoia – 16
15º Bastavales UD – 16
16º SD Castriz – 15
17º SD Fisterra – 11
18º SCDR Esteirana – 9

PRIMEIRA FUTGAL G2
16ª Xornada
Domingo 21/12/2025

Os partidos dos equipos da Costa:

CF Muxía Racing San Lorenzo

SD Fisterra Bertamiráns FC

SCDR Esteirana CF Cire de Melide

Praiña SC . SD Castriz

Camariñas FC Bastavales UD

.

-Fotos Camariñas . Dulce Corcu

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”