PREVIA : “O Fisober FSF Infantil ten este Domingo en Ferrol unha nova cita ca historia ca final do Campionato Galego en xogo”.

A Malata, (Ferrol). prepárase para unha gran cita do fútbol sala galego base. Este 10 de maio ás 16:00 horas, Fisober F.S.F. e Arealonga F.S. Chapela xogaran unha final a encontro único que vai moito máis alá dun título autonómico. En xogo estará proclamarse campioas de Galicia da categoría infantil e conseguir o billete para o Campionato de España, (na foto a consecución histórica do ano pasado).

O duelo mide dous proxectos que levan anos traballando o fútbol sala feminino de base, pero o foco inevitable apunta cara ás rapazas do Fisober. O equipo da Costa da Morte chega a esta final co peso da historia recente e coa ilusión de seguir escribindo páxinas douradas para o deporte galego. O ano pasado, o club conseguiu un fito histórico ao proclamarse campión de España infantil, competindo e vencendo ante equipos de grandes cidades e canteiras de enorme potencial. Aquela fazaña colocou o nome do Fisober no mapa estatal e converteu esta xeración nun referente do fútbol sala base galego.

Agora, as costeiras teñen diante unha nova oportunidade para demostrar que o éxito do pasado non foi casualidade. O Fisober destaca polo seu carácter competitivo, pola intensidade defensiva e por un estilo valente, no que o colectivo está sempre por enriba das individualidades. A unión do grupo e a experiencia adquirida en citas de máxima esixencia poden ser factores decisivos nunha final que promete igualdade e emoción ata o último minuto.

En fronte estará un Arealonga que tamén realizou unha gran tempada e que chega con argumentos suficientes para discutir o dominio das da Costa da Morte. O conxunto de Chapela caracterízase pola velocidade e polo descaro ofensivo, polo que obrigará ao Fisober a manter a máxima concentración durante todo o encontro.

O escenario tamén estará á altura do acontecemento. O pavillón da Malata será o punto de encontro de dúas afeccións entregadas e dunha final que representa o presente e o futuro do fútbol sala feminino galego. Para o Fisober, ademais dun título, esta final supón a oportunidade de volver representar a Galicia no Campionato de España e defender o prestixio gañado a pulso a pasada tempada.

O Fisober e a Costa da Morte queren volver a soñar. E o Fisober quere volver a sonar con forza en toda Galicia defendendo os títulos do ano pasado e en toda España igualmente.

Fisober FSF

Adestradoras : Paula Fandiño, Adriana Castro e Sharay Caamaño.

Xogadoras : Carlota Pazos, Noa Sambad, Claudia Ares, Martina Fernández, e Mar Méndez, Jimena Gordillo, Alba Taboada, Lola Soneira, Zoe, Montero, Eva Carballo, Marina Andrade e Martina Lago.

“O noso maior desexo de éxito para tódalas/os que forman o Fisober FSF”.

.

-Fotos : arquivo piratasdemuxia.es

-Texto : Xosé Búa “Pirata”