O campo Municipal da Arliña de Muxía vestirase de gala para o encontro que dilucirá quen formará parte da 1ª Galicia G2 A Costa/Santiago 2024/25, unha liga pouco atractiva pero acadar o ascenso é todo un éxito para calquera dos dous equipos.
Os mazariquenses caían no encontro de ida ante os muxiáns por 0-2, nun choque no que fixeron dabondo para traerse a este encontro con mellor resultad0o, pero topáronse cun Muxía moi efectivo e moi ben plantado en defensa, cando os de Mazaricos pegaron o arreón para tratar de arranxar o desaguisado do marcador. Non hai nada dito e o choque augúrase atractivo.
O Choque comezará ás 18:00 horas e será arbitrado por Daniel Vieites Garrido, auspiciado nas bandas por Abel González e Samuel Yuste
Aliñacións da ida :
CF Muxía : Víctor Suárez, Ánxo Pose, Michael, Gusa, Fran Moreira, Víctor Alcaina, Julián, Manu Nogueira, Iago Muiño, Isma Pose, Mauro Romaní. Tamén participaron : Sergio “Peski”, Hugo Haz, David e Manuel, con Ángel Esperante de porteiro suplente. Adestrador : Nando Waldomar en tandem con Fran “Pioto e con Felipe Vilela como delegado de campo.
CF Mazaricos : Iván Baña, Manuel, Raúl, Marcos, Mario, Juan “Rachón”, Brais Canosa, Esteban Pereiro, Molinos, Adrián Cives e Fran Pose. Tamén participaron : Sanchiño, Carreira, Kevin e Luis Mayyán. Adestrador : Marcos Domínguez.
Un pouco de historia
O CF Muxía fundouse no 1964 segundo ano trala fundación da Liga da Costa e co nome en castelán de CF Mugía, pola sua banda o CF Mazaricos fíxoo no 1991. Os mazariquenses que tocaron a 1ª Rexional por primeira vez na 1994/15, ainda teñen recente cando estiveron nela, (xa como 1ª Galicia), pois baixaron o pasado ano dela, namentras que o equipo muxián que a tocou por primeira vez no 1987/88, cando se denominaba 1ª Rexional, só estiveron noutra ocasión, na 1989/90.
Na foto montaxe poñemos un corvo mariño, (cormorán), dado que xa de moi antigo este foi o nome que lle deron os camariñáns aos muxiáns. Xusto fronte a entrada a enseada muxiana había duas pedras que sobresaían do mar e na que os corvos se poñçian a secar as suas ás e a descansar, así como no illote, que hoxe en día queda por detrás do dique de abrigo, chamado “O Carreiro” , lugar habitual nestes tempos para os corvos de mar. Nada que ver co corvo que utiliza unha peña dos muxiáns. Por outra banda a outra ave é un Mazarico, que aquí en Muxía coñecemos como “labanco”. Un ave que alterna prados, ríos, brañas e tamén costas e estuarios. Tanto para criar como para alimentarse. Na costa é moi característico o seu graznar nos días de néboa que percorre as beiras das praias a procura de pulgas da area, así coma pequenos cangrexos, moluscos e ata estrelas de mar. No interior válelle todo tipo de insectos. Esta ave é o símbolo do Concello de Mazaricos, que curiosamente moitos de vos sabedes, pero moitos dos nosos usuarios de fora non…Non existe no conello ningún pobo con ese nome.
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”