O fútbol sala da Costa da Morte volve estar de festa. O Fisober FSF Infantil disputa hoxe sábado unha nova final da Copa Galicia, unha cita na que as rapazas costeiras tratarán de engadir outro título autonómico ao seu xa impresionante palmarés recente.
A final da Copa Galicia Infantil Feminina enfrontará ao conxunto fisoberista co ED Poio Pescamar FS/Milongas a partir das 17:45 horas no Pavillón Municipal do Milladoiro, dentro dunha xornada que reunirá as mellores canteiras do fútbol sala galego de base.
O equipo da Costa da Morte chega á gran cita tras completar un brilante percorrido na competición. Nos cuartos de final superou ao Viaxes Amarelle FSF por 2-1 nun encontro moi igualado que resolveu grazas aos goles de Martina Fernández e Martina Lago.
Xa nas semifinais, as do Fisober ofreceron unha das súas mellores versións da tempada para derrotar con claridade ao Arealonga FS Chapela por 3-0. Martina Lago, cun dobrete, e Claudia Ares foron as autoras dos goles dunha vitoria especialmente celebrada no seo do equipo. As costeiras tomaron así unha pequena vendetta deportiva despois de que o propio conxunto do Morrazo as privase hai escasas semanas do título da Copa da Liga de Preferente Galega, nunha final decidida nos penaltis tras o empate sen goles ao remate do tempo regulamentario.
A pesar da súa mocidade, moitas das xogadoras que integran este equipo xa saben o que é facer historia. Non en balde, boa parte deste grupo protagonizou a pasada tempada un dos maiores éxitos, (ou o mellor), do deporte base da Costa da Morte ao conquistar Liga Galega, Copa Galicia e Campionato de España, un triplete histórico que situou o nome do Fisober e da comarca na elite do fútbol sala galego i estatal.
Agora, as pupilas de Paula, Sharay e Andrea teñen diante unha nova oportunidade para seguir ampliando a súa lenda. En fronte estará un dos clubs de referencia do fútbol sala feminino galego, o ED Poio Pescamar FS/Milongas, nun duelo que se presume intenso, igualado e cargado de emoción.
O Fisober afronta a cita coa ilusión de sumar unha nova coroa autonómica e demostrar que a xeración dourada do fútbol sala feminino da Costa da Morte segue tendo moito que dicir. Unha final máis para un equipo acostumado a competir ao máximo nivel e que hoxe buscará volver escribir outra páxina inesquecible na historia do club.
-Finais da Copa Galicia Base de Fútbol Sala-
Pavillón Municipal do Milladoiro (13 de xuño)
Alevín Feminino (16:15 h): Lóstrego CF – Gadesport
Infantil Feminino (17:45 h): Fisober FSF – ED Poio Pescamar FS/Milongas
Cadete Feminino (19:30 h): Cidade de Ourense CF – Poio FS
Pavillón de Bertamiráns (14 de xuño)
Infantil Masculino (16:30 h): O Esteo FS – 5 Coruña FS
Alevín Masculino (18:30 h): AX Saraiaba do Mar – CD La Peña
Cadete Masculino (20:30 h): O Parrulo FS – Academia Futsal Ourense.
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
