O Xallas FC está a só dous partidos de cumprir o soño do ascenso á 1ª Futgal Grupo 2. Os de Bruno Prego disputarán este domingo 14 de xuño, a partir das 17:30 horas no campo da Grela 1, o encontro de ida da final do play-off ante o Atlético Os Castros, nun duelo que pode marcar o futuro inmediato da entidade xalleira.
Os costeiros chegan a esta derradeira eliminatoria despois de superar nas semifinais ao Suevos CF. Tras o empate sen goles rexistrado no encontro de ida, disputado fóra da casa, o Xallas fixo valer o factor campo na Fontenla, onde se impuxo por 2-1 para selar o seu pase á gran final polo ascenso. Os coruñeses derrotaron no seu feudo ao Rodeiro por 3-0 e caeron na visita o rival por 2-1.
Agora, os de Santa Comba terán diante un rival esixente como o Atlético Os Castros, nun primeiro asalto no que intentarán obter un resultado positivo que lles permita afrontar con garantías o partido de volta, previsto para a vindeira fin de semana na Fontenla.
O encontro estará dirixido polo colexiado Hugo Sánchez Núñez, asistido nas bandas por Luis Faya e Adán Colás.
A eliminatoria ten tamén unha importancia especial para o fútbol da Costa. Como xa informamos en piratasdemuxia, o CD Baio quedou eliminado na fase anterior despois de vencer na ida por 2-1 no Platas Reinoso, o San Sadurniño e logo caer na volta por 3-1. Ese resultado provocou o descenso da UD Monte Louro á 3ª da Costa.
O Sofán “B” a expectativa dos xalleiros
O SD Sofán B permanece moi atento ao desenlace desta final. Un posible ascenso do Xallas FC evitaría que o conxunto sofanista se vise arrastrado polos movementos de categorías, polo que en Sofán tamén se seguirá con interese unha eliminatoria na que boa parte do fútbol costeiro empurrará na mesma dirección.
Chega a hora da verdade para o Xallas FC. Noventa minutos en A Grela para dar o primeiro paso cara a un ascenso que sería un pasiño máis o que deixaron por propia voluntade, e serían boas novas para o noso fútbol trala desfeita do pasado curso co descenso da esteirana, Fisterra e Camariñas.
.
-Foto : Bruno Prego
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”