PREVIA FINAL PLAY-OFF, (Ida) : “Sporting Seaia e UC Cee abren no Pinguel a final polo ascenso á Liga da Costa”.

A loita por unha praza na vindeira edición da Liga da Costa entra na súa fase decisiva. Sporting Seaia CF e UC Cee disputarán este Domingo 14 de xuño o partido de ida da gran final do play-off de ascenso, un encontro que dará comezo ás 17:00 horas no campo O Pinguel, en Ponteceso.

O conxunto malpicán exercerá como local nun escenario pouco habitual debido ás obras que se están a realizar no Pedra Queimada, o seu campo de referencia, obrigando aos seaieses a trasladar o encontro ao feudo do Ponteceso SD, equipo que terá como rival un destes dous conxuntos a vindeira tempada.

O camiño do Seaia

O Sporting Seaia chega a esta final despois de completar unha notable fase de ascenso. Os de Malpica, que remataron a liga regular na quinta posición, eliminaron ao Atlético Pereiriña nas semifinais. Un solitario gol serviulles para impoñerse por 1-0 no encontro de ida, mentres que na volta volveron demostrar a súa superioridade ao vencer por 1-2 en terras ceenses.

O camiño do Cee

Pola súa banda, o UC Cee, terceiro clasificado ao remate da competición ligueira, accedeu á final tras superar con autoridade ao UD Cerqueda. Os ceenses deron o primeiro golpe no Xaviña cun triunfo por 1-3 e certificaron o pase no San Paio de Refoxos cun novo triunfo, nesta ocasión por 4-2.

A eliminatoria presenta ademais un interesante precedente. Ambos equipos víronse as caras en dúas ocasións durante a liga regular e en ambas o triunfo caeu do lado do Sporting Seaia. Na 15ª xornada os malpicáns asaltaron o campo do UC Cee cunha vitoria por 1-2. Xa na derradeira xornada do campionato, e cos ceenses sen nada en xogo na clasificación, os dea parroquia malpicana volveron impoñerse, desta vez cun contundente 4-1 que acabou sendo decisivo para asegurar a súa presenza no play-off de ascenso.

Con estes antecedentes, Seaia e Cee afrontan agora unha eliminatoria totalmente nova, na que estarán en xogo noventa minutos fundamentais para encarar con vantaxe o encontro de volta. O primeiro capítulo desta apaixonante final escribirase no Pinguel, onde ambos conxuntos buscarán dar un paso decisivo cara ao ansiado ascenso á Liga da Costa.

.

-Foto : José Manuel Ferreiro

-Texto : Xosé Búa “Pirata”