PREVIA Entrevistas a Noe Iglesias, Barca Toba, Patri Romaní e Eva Lema : “O día grande das Corviñas” – “O CF Muxía feminino xógase este domingo na Arliña un título histórico tras un ascenso xa asegurado e unha tempada para a memoria”.

O vindeiro domingo 31 de maio ás 12:00 horas, o Municipal da Arliña pode vivir unha das mañás máis históricas do deporte muxián. O CF Muxía feminino recibe ao SD San Lázaro sabendo que un empate chega para proclamarse campión da 2ª Galega Feminina G1, culminando unha campaña espectacular no primeiro ano das Corviñas na categoría.

O ascenso á 1ª Galega quedou asegurado hai semanas, pero no vestiario muxián decidiron aparcar celebracións. O foco estaba posto nun obxectivo maior: traer para a Vila da Barca o primeiro título ligueiro da historia do equipo feminino, creado hai apenas tres anos.

A pasada tempada as muxiás xa deixaran pegada acadando o ascenso como subcampioas e quedándose ás portas da Copa da Costa feminina, perdida nos penaltis ante o CF Dumbría tras empatar a un gol. Agora, un ano despois, están a noventa minutos de escribir unha páxina dourada.

Á fronte do equipo está Noe Iglesias, que transmite calma e concentración antes do encontro decisivo:

“Partido importante, coma todos nesta tempada tan bonita e complicada. Estamos adestrando coma todas as semanas, intentando traballar e manter o foco no que queremos que pase no terreo de xogo o domingo. Temos que saír a xogar coma sempre e manter a tensión os 90 minutos ante un bo rival que xa mostrou o seu potencial na súa casa”.

A técnica muxiá ten claro que nada está feito aínda:

“As rapazas están ilusionadas, pero moi centradas sabendo que aínda falta dar o último pasiño. Non está feito e sabemos que o domingo toca pechalo diante da nosa afección”.

E precisamente á afección quixo enviar unha mensaxe especial:

“Un chamamento a que arroupen o equipo como estiveron facendo toda a tempada na casa, sobre todo nos momentos máis importantes, e que veñan dar o último empurrón este domingo”.

O “Tridente Máxico” das 111 ilusións

Se hai nomes propios nesta tempada son os de Eva Lema, Barca Toba e Patri Romaní. Entre as tres suman a impresionante cifra de 111 goles, converténdose nun dos ataques máis demoledores do fútbol galego feminino.

Especialmente brilante está sendo o duelo polo “Pichichi” antre a muxiana de Merexo, Eva Lema e Rebeca Puente, do SD Tordoia. Ambas chegan igualadas con 53 tantos nunha pelexa que simboliza tamén a batalla polo título entre os dous grandes dominadores da liga.

Eva Lema recoñece o momento único que vive o equipo:

“Partido histórico sen dúbida, podemos gañar a liga no primeiro ano do club nesta categoría. A principios de tempada soñabamos con vernos nesta situación agora e traballamos moito por isto”.

A dianteira tamén admite que no grupo hai ilusión… e nervios:

“Afrontámolo con moitas ganas e tamén nervios. Queremos xogalo canto antes, dalo todo para poder conseguir este título e celebralo co resto do club e coa afección. Sabemos que fácil non vai ser e intentaremos que os nervios non nos afecten negativamente”.

Sobre o ascenso xa acadado, Eva fai unha reflexión moi clara do carácter competitivo deste vestiario:

“Creo que non fomos o suficientemente conscientes do que significa o xa conseguido ascenso. É algo tan importante como conseguir un título. Subir a Primeira Galicia ten moito mérito, pero neste vestiario hai moita competitividade e ambición e iso fai que nos saiba a pouco se non vai da man do título de liga”.

Tamén destacou a importancia dunha afección que xa foi decisiva durante a tempada:

“Á afección dígolle que veña con ganas de desfrutar, de despedir a tempada connosco e de levarnos cos seus ánimos a outra vitoria. Eles foron os que nos axudaron a remontar un 2-0 contra o noso rival directo pola liga, e grazas a iso estamos agora a un punto de conseguila”.

Mentres, Barca Toba, capitá e auténtica lenda do deporte muxián, tira de experiencia para analizar o que significa este momento. Campioa en futsal, fútbol, atletismo e ciclismo, a veterana xogadora recoñece que nin as máis optimistas imaxinaban isto hai uns meses:

“Partido histórico si, xa que cos 3 anos que leva fundado o equipo non nos pasaría pola cabeza pensar que estariamos cun ascenso a 1ª Galega e ás portas de acadar o título de campioas”.

E continúa: “Ao principio de tempada para nada viamos que puidera ser así, pero co paso das xornadas ves que estás aí e agora no treito final tamén, aínda que con cautela”.

A capitá admite que o encontro se vive con emocións moi especiais:

“Cun pouco de nervos, moita ilusión. Moitas das compañeiras nunca estivemos nunha situación coma esta”.

Sobre a decisión de non celebrar o ascenso, Barca foi clara:

“Non se celebrou porque, como tiñamos opcións de gañar a liga, no caso de conseguila celebraremos as dúas cousas”.

E tamén fixo un chamamento á bancada da Arliña:

“Que nos acompañen, que nos animen, que sexan ese xogador número 12 e que nos arroupen e estean connosco”.

Pola súa banda, a capitá Patri Romaní foi moi optimista xa desde o incio e vendo o plantel que tiñan e que o obxectivo sempre foi ir polo título:

“O obxectivo desde un principio sempre foi quedar campioas. Está ben conseguir o ascenso, pero o importante para todas é traer para Muxía o título da liga”.

A gran xogadora muxiá curtida en fútbol e futsal doutros niveis confía plenamente nas posibilidades do equipo:

“Temos que afrontalo como os últimos partidos, pois ao final non podiamos pinchar en ningún para seguir dependendo de nós ata o final”.

E deixa unha mensaxe directa para a afección:

“Que o domingo teñamos a Arliña de vermello e nos empuxen a conseguir o título desde o minuto 1. O Muxía somos tod@s!”.

Un ano para entrar na historia

O 2026 pode quedar marcado para sempre na memoria do CF Muxía. Hai apenas unha semana o equipo sénior masculino conquistaba a súa primeira Copa da Costa en 62 anos de historia tras vencer ao SCD Malpica por 2-0 na final. A iso súmase unha brillante permanencia na Primeira Futgal G2 cunha meritoria sexta posición, chegando incluso a liderar a competición en varias xornadas.

Agora, as Corviñas teñen diante a oportunidade de poñerlle a guinda perfecta a un ano de órdago para o club da Vila da Barca.

E se chega o título, Muxía xa sabe como se celebran as grandes ocasións: camión engalanado polas rúas da vila, percorrido triunfal entre a xente e remate coa tradicional festa e baño na rampla da Praia das Lanchas, no Malecón, e festa ata altas horas da madrugada.

Porque este domingo non é só un partido. É unha cita coa historia.

“O noso maior desexo de consecución do título para un gran equipo o deste ano que deu un altísimo nivel, un éxito do que tamén teñen a sua parte José “Congui” e Isma Márquez na sua evolución do equipo estes anos, así como tódalas rapazas que xogaron e xa non están, así como non pode ser de outra maneira a afección parte fundamental”.

.

-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto Muxía masculino : Xesús Búa

-Foto equipo feminino : Marina Busto