A VI Copa da Costa Feminina xa ten finalistas e este domingo 7 de xuño, ás 18:00 horas, o campo da Fontenla, en Santa Comba, converterase no epicentro do fútbol feminino da Costa da Morte. Xallas FC e UC Cee loitarán polo título nun encontro que promete emoción, intensidade e unha gran presenza de afeccionados e afeccionadas nas bancadas.
A cita chega cun ingrediente engadido para as xalleiras, que xogarán practicamente na casa, ao disputarse a final na Fontenla, feudo habitual do conxunto verdibranco. Pola súa banda, o UC Cee buscará dar a sorpresa e conquistar por primeira vez unha Copa da Costa Feminina.
O encontro estará dirixido pola colexiada, Míriam Ríos Barreiro, asistida nas bandas por : María Pérez e Xiana Barbeira.
Así chegaron á final
O camiño do Xallas FC ata a gran final comezou na previa na que derrotou ao Sporting Zas por 0-3, nos cuartos de final deixaba fora nos penaltis o actual campión, CF Dumbría e nas semifinais, as de Eloy García superaron ao Corme CF por 0-2 e así selar o seu billete cara á final.
Pola sua banda o UC Cee, pola súa parte, na primeira rolda derrotaba a domicilio ao Outes FC, (0-3) e posteriormente nos Cuartos derrotaba, tamén a domicilio ao UD Corcubión, (1-3), no derbi da ría. Nas semifinais daban a sorpresa e deixaban fora o CF Muxía, finalista da pasada edición, e que ía lider na 2ª Galega G1, que compartían. O resultado da semifinal acabou 3-3 e leváronse o billete a final as ceenses nos penaltis. Un choque no que chegron a ir perdendo 0-3 e que acabou 3-3.
Dúas categorías, un mesmo soño
O duelo enfrontará a dous equipos de categorías diferentes. O Xallas FC compite actualmente na Primeira Galega, mentres que o UC Cee milita na Segunda Galega Grupo 1.
As xalleiras parten co cartel de favoritas polo potencial da súa plantilla e pola categoría na que compiten, pero as ceenses xa demostraron ao longo desta Copa que teñen argumentos máis que suficientes para competir contra calquera rival.
O perigo está nas áreas
Se hai xogadoras chamadas a marcar diferenzas serán as referencias ofensivas de ambos equipos.
No Xallas FC, as máximas goleadoras na presente Copa son Olalla Antelo e Graciela Arcos, ambas con dous tantos. Ademais, Olalla chega como principal referente ofensiva do equipo tras anotar 12 goles en 24 encontros ligueiros.
No UC Cee destaca especialmente Saray Duarte, máxima goleadora da competición copoeira entre ambos finalistas con catro tantos. En liga, a gran referencia anotadora foi Paula Veiga, autora de 25 goles en só 20 partidos, unhas cifras que falan por si soas da súa capacidade realizadora.
O precedente das finais
O Xallas FC sabe o que é levantar este trofeo. As xalleiras conquistaron a súa única Copa da Costa Feminina na edición 2024-25, superando na final ao CF Dumbría.
Para o UC Cee será a súa segunda oportunidade de conquistar o título. As ceenses xa disputaron unha final, pero caeron derrotadas ante o Bergantiños FC.
Ata o momento, o palmarés da competición queda así:
- Bergantiños FC: 3 títulos (ante UC Cee, CF Noia e ED As Miúdas).
- Xallas FC: 1 título (ante o CF Dumbría).
- CF Dumbría: 1 título (ante o CF Muxía).
-Plantillas-
Xallas FC
Rosío Pérez, Olalla Antelo, Graciela Arcos, Paula Barcia, Isabela Bravo, Claudia Espasandín, Claudia Facal, Noelia García, Valeria Iglesias, Carla Landeira, Andrea Otero, María Rial, Silvia Rodríguez, Ainhoa Rodríguez e Sara Vázquez.
Adestrador: Eloy García.
UC Cee
Sabela Abel, Laura Blanco, Lucía Caamaño, Sharay Caamaño, Nayara Casais, Saray Duarte, Aroa Lestón, Lucía Martínez, Noemi Romero, Cristina Sanvicente, Valeria Senande, Lucía Sieira, Nerea Suárez, Naiara Vázquez, Caridad Vázquez e Paula Veiga.
Adestrador: Rafa Suárez.
A Fontenla prepárase para unha gran festa
Máis alá do resultado, a final da VI Copa da Costa Feminina será unha auténtica celebración do fútbol feminino da Costa da Morte. Espérase unha gran entrada na Fontenla, moitísimos afeccionados e afeccionadas desprazándose para apoiar aos seus equipos e gozar dun dos eventos máis destacados da temporada. De seguro que será o encontro con maior número de asistentes nun encontro de fútbol feminino neste curso que ramata.
O Xallas buscará repetir éxito e sumar o seu segundo título, mentres que o UC Cee intentará escribir unha páxina histórica levantando por primeira vez a Copa da Costa Feminina.
“Todo está preparado para a festa do fútbol feminino costeiro e non non podemos máis que desexarlle sorte a ambos equipos, que se de un gran encontro e que non se manque ninguén”.
.
-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”


