A Copa da Costa continúa avanzando nas categorías de base e esta fin de semana deixará definidos os finalistas nas tres categorías, en infantís, cadetes e xuvenís afrontan unhas atractivas semifinais que prometen emoción e igualdade.
Infantís: o UC Cee completa o cadro
A última praza das semifinais quedou definida tras o encontro de cuartos de final que estaba pendente. O UC Cee impúxose por 3-0 ao Cabana SD nun partido resolto grazas ao acerto goleador de Álex Picallo, autor de dous tantos, e Felipe Mayán.
Co billete xa no peto, os ceenses deberán afrontar unha complicada visita ao SD Sofán nun duelo para o que, polo momento, non figura horario na RFGF, ainda que aparece como que se xogará mañán, desde o UC Cee cmunícannos que está sen confirmar e que se xogará ou o luns ou o mércores, o haber xogado onte o de cuartos. Na outra semifinal medirán forzas o SD Fisterra e o Xallas FC, encontro programado para este sábado ás 16:30 horas.
Os catro equipos chegan con argumentos suficientes para soñar coa final, aínda que Sofán e Fisterra contarán co factor campo ao seu favor.
-Semifinais infantís-
SD Sofán – UC Cee (sen horario)
SD Fisterra – Xallas FC (sábado, 16:30 horas)
Cadetes: o Sofán xa espera rival na final
A primeira semifinal xa ten vencedor. O SD Sofán certificou o seu pase á gran final tras superar con claridade á EFC Carnota por 6-1 no encontro disputado onte.
Os goles do conxunto sofanista foron obra de De Jesús, Reino, Frade (2), Lavandeira e Margarida, mentres que Caamaño anotou o tanto do cadro carnotán.
O rival dos amarelos sairá da segunda semifinal, que se disputará este domingo no Conchido. O Outes FC e o Xallas FC buscarán un posto na final a partir das 11:00 horas nun duelo que se presenta moi equilibrado.
-Semifinais cadetes-
SD Sofán 6-1 EFC Carnota
Outes FC – Xallas FC (domingo, 11:00 horas)
Xuvenís: catro candidatos para dúas prazas
A categoría xuvenil vivirá as súas semifinais este sábado con dous partidos de enorme interese.
No campo do Conco, o CF Dumbría recibirá ao SD Sofán a partir das 17:00 horas. Os dumbrieses intentarán facer valer o factor campo ante un dos equipos máis competitivos da comarca.
Unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, o Xosé Luis Vara será escenario da outra semifinal, que enfrontará ao SCDR Esteirana e ao Outes FC. Ambos os conxuntos buscarán un triunfo que lles permita acceder á final dunha competición sempre especial para o fútbol costeiro.
-Semifinais xuvenís-
CF Dumbría – SD Sofán (sábado, 17:00 horas)
SCDR Esteirana – Outes FC (sábado, 18:00 horas)
A fin de semana preséntase intensa nas categorías inferiores da Copa da Costa. Entre os infantís coñeceranse os finalistas, os cadetes decidirán o rival do Sofán na gran final e os xuvenís loitarán por un lugar no último partido do torneo. O futuro do fútbol da Costa terá estes días unha nova oportunidade para demostrar o seu talento.
–
-Foto : FaceBook Unión Club Cee
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”