Nos derradeiros anos, e máis dende a apertura do Parador Nacional de Turismo de Lourido, Muxía estase a converter en destino para milleiros de visitantes. O Camiño de Santiago, Camiño Mariano, e Ruta dos Faros, son 3 dos principais motivos de visita para os foráneos a Vila da Barca, así como dende centos de anos a atracción do Santuario. O que era un pobo netamente mariñeiro está a trocar nun destino turístico de descanso e esparcimento.
Outro dos atractivos e puntos de importanza de visitantes cada vez máis é o Porto Deportivo, o de maior capacidade da Costa da Morte, así coma o único que pode albergar grandes barcos atracados, e un dos xa consolidados como dos de máis visitas do litoral galego, quedando por terceiro ano consecutivo no podio das 9 Marinas Deportivas que hai no noso pais.
Tal e como nos apunta Marcos Trillo, xerente do porto deportivo muxián, o pasado ano amarraron nos pantaláns do porto deportivo muxián 770 embarcacións. Fora da hora de servizo do porto deportivo tamén chegaron barcos que non pasaron a esta lista o sair do porto antes da apertura o día seguinte.
Segundo Marcos Trillo : “o pasado ano visitáronnos 770 embarcaciónes das que 250 pasaron polo menos unha noite no porto, podendo ser semanas nalgún caso, a media de visitantes esta en 4 tripulantes por barco co que nos quedaría que visitaron Muxia por mar 3080 persoas que realizan diversos gastos na localidade como restaurantes, supermercados, etc…”.
As instalacións deportivas de Muxía teñen a ventaxa de que os tripulantes nada máis sair delas teñen restaurantes, lavandaría autoservizo, bares, farmacia, supermercados e mercado, (martes e venres), sen ter que desprazar apenas nada, así coma un fermoso paseo ata o Santuario da Barca, (tódolos anos recala aquí o Camiño a Vela, que parte des de Francia), pero tamén os hai que tras contratar o servizo de taxi desprázanse a praia muxiana de Nemiña para facer surf, e en ocasións na Praia da Cruz, que está a escasos metros, practican windsurf e kitesurf.
A Marina Muxía é a única da Costa da Morte que pode albergar atracados barcos de grandes dimensións o ter un pantalán de amarre especial de 100 metros.
-Foto : Marcos Trillo /piratasdemuxia
-Texto : Xosé Búa “Pirata”