Presentado o “II Torneo Internacional de Veteranos Costa da Morte”, unha cita que une fútbol e solidariedade en Carballo os días 18-19 de xullo.

Como xa vos contamos en piratasdemuxia.es, os días 18 e 19 de xullo, Carballo acollerá a segunda edición do Torneo Internacional de Veteranos Costa da Morte, un evento que volverá combinar o mellor fútbol veterano cun importante fin solidario a beneficio da Asociación Princesa Rett.

Este pasado xoves tivo lugar a presentación oficial na Casa do Concello de Carballo, colaborador do evento, nun acto no que participaron o alcalde, Daniel Pérez, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, a presidenta do Cances CF, Yolanda Duarte, e Noelia Garrido, nai de Daniela, coñecida como a Princesa Rett e símbolo desta iniciativa.

Durante a presentación, o alcalde destacou o compromiso solidario da vila, asegurando que “Carballo sempre responde cando se trata de axudar”, ao tempo que puxo en valor a capacidade do deporte para dar visibilidade ás enfermidades raras. Pola súa banda, Daniel Barreiro felicitou ao Cances CF polo “traballo realizado para reunir un cartel de gran nivel e por converter este torneo nun evento que implica a toda a comarca”.

A competición contará con doce equipos procedentes de Galicia, doutras comunidades e tamén de Portugal. Entre eles estarán os Veteranos de Oza, San Román e Deportivo Carballo como representación da Costa da Morte, ademais de conxuntos da Coruña, León, Zamora, Asturias e Portugal, sen esquecer o equipo A Morocha, creado en homenaxe a Daniela.

A presidenta do club organizador, Yolanda Duarte, mostrou o seu desexo de repetir o éxito da pasada edición e lembrou que este ano asistirán cinco nenas afectadas por enfermidades raras, agradecendo ademais “a colaboración das institucións, patrocinadores, clubs e voluntarios”.

Toda a recadación das entradas solidarias, cun prezo de 3 euros e pulseira incluída, destinarase integramente á Asociación Princesa Rett, co obxectivo de apoiar a Daniela e ao resto de familias afectadas por esta enfermidade.

Os encontros disputaranse desde as 9.00 horas nas dúas xornadas do torneo, co propósito de encher as instalacións de fútbol, convivencia e solidariedade, nunha cita que volve facer un chamamento á participación de toda a Costa da Morte.

O vindeiro luns daremos conta de como quedou o sorteo de emparellamentos e os horarios.

-Fotos e información : A orgañización

-Texto : Xosé Búa “Pirata”