PRESENTADAS AS ACTIVIDADES DE VERÁN DOS CONCELLOS DE MUXÍA E CAMARIÑAS.

Presentación no salón de actos do consistorio muxián.

 

Muxía presenta os campamentos de verán coa mirada posta no cumplimento das medidas sanitarias 

A presentación desta actividade tivo lugar esta mañá no Salón de Plenos, á que acudiron o alcalde, Iago Toba; a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Olalla Benlloch e técnicos da administración muxiá con competencias nas áreas de deporte, medio ambiente e igualdade.

 O Concello de Muxía presentou esta mañá os campamentos de verán coa mirada posta no cumplimento das medidas e recomendacións socio sanitarias pola crise da COVID-19. Á presentación, que tivo lugar ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Consistorio, acudiron o alcalde, Iago Toba; a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Olalla Benlloch e técnicos da administración muxiá con competencias nas áreas de deporte, medio ambiente e igualdade. 

Esta edición ‘será singular, xa que se extremarán as precaucións para evitar contaxios. A rapazada estará acompañada en todo momento por persoal especializado e será dividida por grupos pequenos’, comentou o alcalde, Iago Toba. Haberá 9 nenas e nenos por quenda, repartidos por grupos en función das súas idades.

O período de inscrición estará aberto ata o 9 de xullo, aínda que si fose necesario, este abano ampliarase. Estará articulado baixo tres eixes fundamentais: o deporte, a igualdade e o medio ambiente. Así, os nenos e nenas poderán gozar de actividades como punto de cruz, obradoiros de cociña e de chapas, conta contos ou creación de pancartas, entre outras.  A primeira quenda de celebración destes campamentos irá desde o 13 de xullo ao 24 do mesmo mes e a segundo do 27 de xullo ata o 7 de agosto. 

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Olalla Benlloch, sinalou que ‘é un tempo difícil para organizar actividades como estas, pero primará a seguridade por riba de todo o demais. A conciliación na época estival é algo fundamental, e cremos que o mellor método de facelo é o que aquí presentamos hoxe’, aportou a edil. 

Pola súa banda, o alcalde, Iago Toba, sinalou que ‘decidimos artellar estes campamentos con tres piares fundamentais, ou así o deben ser, na nosa sociedade: a igualdade, o deporte e o coidado do medio ambiente. Cremos nunha educación igualitaria e de calidade, sendo estes campamentos unha boa proba diso’, comentou. 

 

Nenos disfrutando do campamento camariñán.

 

Inícianse as actividades de verán do Concello de Camariñas, que contan cun completo protocolo de seguridade 

No Obradoiro de Conciliación cubríronse todas as prazas e nas Actividades Náuticas o 75% das ofertadas. 

Onte, luns 6 de xullo, iniciáronse as actividades de verán do Concello de Camariñas: os Obradoiros de Conciliación e as Actividades Náuticas. Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias aplicarase un completo protocolo de seguridade para evitar contaxios por Coronavirus.

Houbo moi boa aceptación por parte da veciñanza xa que no Obradoiro de Conciliación cubríronse practicamente todas as prazas (só quedan 3 libres) e nas Actividades Náuticas o 75% das ofertadas. Hai programadas catro quendas: do 6 ao 20 de xullo (o 16 non hai clase), do 21 de xullo ao 3 de agosto, do 4 ao 17 de agosto e do 18 ao 31 de agosto.

As actividades desenvolveranse de luns a venres, de 10 a 13:30 horas, integramente na parroquia de Camariñas, nas diferentes instalacións coas que conta o Concello: as aulas do CEIP O AREAL, o Pavillón Polideportivo Municipal “Víctor Vigo”, o Club Náutico de Camariñas (actividades náuticas)…

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que “é importante poder desenvolver as actividades de verán dun xeito seguro xa que permiten que os pais e nais poidan contar nesta época cunha opción de conciliación da vida familiar e laboral”.

Medidas do protocolo

O protocolo inclúe especificacións para a entrada e saída nas actividades, a adaptación das actividades, as medidas de control e prevención da transmisión, as medidas persoais de hixiene, os desprazamentos á actividade e unha serie de recomendacións para os asistentes. Estas normas son de obrigado cumprimento por parte dos organizadores e das persoas participantes e familias.

Por exemplo, no caso das entradas e saídas haberá que levar posta a máscara e os monitores indicarán a obriga de pasar pola zona de desinfección e de medición da temperatura. Neste espazo hixienizaranse as mans e o calzado.

No desenvolvemento das actividades evitaranse aquelas que impliquen contacto físico constante e utilizaranse máscaras sempre que non se poida manter a distancia social. Non haberá viaxes e excursións que impliquen desprazamentos en autobús. 

Nos obradoiros, os espazos pechados estarán reorganizados de tal forma que se asegure o correcto cumprimentos das medidas de distanciamento social. Poderase levar unha merenda a cargo do participante pero estará prohibido compartila e tampouco están permitidas as visitas de familiares.

Ademais, todas as persoas con síntomas (tose, febre ou dificultade respiratoria) deberán ser inmediatamente identificados e notificados ás súas familias.

 

-Fotos e Texto : Departamentos de prensa de Muxía e Camariñas

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies