O RC Deportivo presentou oficialmente a Lorenzo Amatucci como novo xogador branquiazul para as próximas cinco tempadas. O centrocampista italiano, de 22 anos, “que pode xogar como 6 ou como 8”, segundo Fernando Soriano, chega traspasado desde a Fiorentina despois de completar unha gran campaña cedido na UD Las Palmas, onde foi unha das pezas fundamentais do equipo, disputando 42 encontros oficiais e confirmándose como un pivote de gran futuro. Formado na canteira do conxunto italiano, debutou co primeiro equipo ante o Inter de Milán, foi internacional nas categorías inferiores de Italia e proclamouse campión de Europa Sub-19 antes de acumular experiencia nas cesións ao Ternana, Salernitana e, finalmente, Las Palmas.
Na súa posta de longo estivo acompañado polo director deportivo do Dépor, Fernando Soriano, e deixou clara a ilusión coa que afronta esta nova etapa na Coruña.
Moi feliz cos seus primeiros días
Amatucci recoñeceu que a adaptación está sendo moi positiva.
“Estou moi contento aquí. Teño moitas ganas e moita ilusión. Teño que agradecer ao corpo técnico e aos compañeiros”.
“O Dépor é un equipo histórico”
O italiano explicou que non dubidou á hora de aceptar a proposta deportivista.
“O Dépor é un equipo histórico. Cando xoguei aquí encantoume todo”.
Un pivote defensivo con gusto polo fútbol combinativo
Preguntado polo seu estilo de xogo, definiuse como un futbolista que se adapta a diferentes rexistros.
“Gústame o xogo combinativo. Pero tamén me gusta o fútbol físico”.
Ao mesmo tempo deixou claro cal considera que é a súa posición ideal sobre o terreo de xogo. “As miñas características son máis de pivote defensivo”.
A competencia, un estímulo
Amatucci non ve como un problema a competencia que haberá no centro do campo deportivista.
“A competencia faiche mellor e iso é bo. Obrígache a dar sempre o mellor de ti”.
Traballo e humildade para dar o salto á Primeira
Sobre o reto que supón competir na máxima categoría do fútbol español, o novo mediocentro mostrou unha mensaxe de humildade.
“O máis importante é dar sempre o mellor de ti mesmo”.
Partido a partido
Para rematar, o italiano evitou marcar obxectivos a longo prazo e apostou por centrarse no día a día.
“Penso que non temos que pensar máis alá do primeiro partido. Hai que ir encontro a encontro e intentar dar o mellor de nós”.
Con apenas 22 anos, Lorenzo Amatucci chega ao Dépor como unha das apostas de futuro deportivista, pero tamén como un futbolista que xa demostrou personalidade e rendemento no fútbol profesional. Agora terá a oportunidade de confirmar en Primeira División todo o que apuntou na súa etapa en Las Palmas e converterse nunha peza importante no proxecto de Antonio Hidalgo.

