O Dépor abre a porta ao futuro en Abegondo co seu novo Training Center
Abegondo viviu este luns unha xornada que quedará para a historia do Deportivo da Coruña coa presentación oficial do Dépor Training Center, un proxecto valorado en 41 millóns de euros e que aínda está en fase de execución.
O mestre de cerimonias foi o presentador ourensán e declarado deportivista Rodrigo Vázquez, mentres que a música correu a cargo do grupo Alana, con Antía Vázquez á voz e pandeireta e dous costeiros, Pablo Castro (Vimianzo) á percusión e gaita e Eloy Vidal (Ponteceso) á teclados e voz. Antes da cerimonia houbo simbólicas prantacións de árbores en Abegondo…”Onde nace o futuro”.
No acto tamén tiveron protagonismo as canteirás Elena Vázquez, moi ovacionada tras a súa recente convocatoria coa Selección Española sub-19, e Eva Dios, ademais dos canteiráns Dani Barcia e Yermay Hernández, que enrredado por Rodrigo Vázquez se gañou a ovación do público ao atreverse a falar en galego durante cáseque un minuto. Todos eles coincidiron na importancia de traballar duro para triunfar no Dépor, como eles mesmos están a conseguir.
O director xeral do RC Deportivo, Massimo Benassi subliñou que o proxecto ten como eixo fundamental a canteira: “Este esforzo fala dunha visión a longo prazo, de apostar pola canteira e do compromiso co crecemento sostible dun club que está chamado a ser o referente do fútbol galego no mundo”, mentres que os técnicos detallaron o que xa está construído, o que queda en execución e o previsto a medio prazo.
Palabra de presidente
O presidente Juan Carlos Escotet, no seu discurso máis emotivo, resumiu o significado do día:
-
“Hoxe abrimos unha porta ao futuro neste querido concello de Abegondo, nun día que quedará na memoria do Deportivo.”
-
“Este club sempre soñou en grande. A esixencia non a marca a categoría, senón unha afección que xa demostrou ser de primeira. Con este Dépor Training Center damos un paso máis nesa dirección.”
-
“Non son só campos, vestiarios e edificios. É a obra máis importante do club, unha declaración de intencións, un fogar de futuro que nace nas bancadas de Riazor, nas peñas e en cada neno e nena que soña con vestir a camiseta.”
-
“Será un centro internacional, moderno, sostible e tecnolóxico, pensado para proxectar o primeiro equipo e para formar persoas que representen os valores do Deportivo: esforzo, compromiso e humildade.”
-
“O campo principal levará o nome de Arsenio Iglesias, porque Arsenio foi e seguirá sendo a alma deste club. Cada xogador que pise ese céspede lembrará que vén dun legado.”
O anuncio fíxose coa familia de Arsenio presente na sala, o que provocou un dos momentos máis emotivos do acto.
O presidente pechou cunha mensaxe cargada de simbolismo:
“Sementamos futuro, este será un orgullo para Galicia e para o mundo. Aquí, entre carballos e balóns… é onde nace o futuro. Forza Dépor!”.
Todo isto e moito máis vendo o vídeo no que se poden ver as insralacións feitas e as previstas.
-Vídeo e foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”