PRESENTACIÓN DE ADAMA TRAORÉ : «Ser do Dépor é algo máis que un deporte, é familiar, son orixes».

Adama Traoré xa fala como deportivista. O novo futbolista do Deportivo foi presentado oficialmente acompañado polo director deportivo, Fernando Soriano, e compareceu ante os medios durante preto dun cuarto de hora nunha rolda de prensa na que deixou varias mensaxes sobre a súa chegada á Coruña, o seu estado físico, a súa polivalencia e as súas primeiras sensacións como xogador branquiazul.

O extremo dereito, que tamén pode actuar como carrileiro e mesmo por detrás do dianteiro, explicou que o regreso a España era unha oportunidade que encaixaba perfectamente no momento da súa carreira.

«Foi sempre unha opción moi boa para volver a España», explicou Traoré, nacido no país e con ganas de continuar a súa progresión despois da súa experiencia no fútbol inglés.

Aubameyang e o destino, detrás da súa chegada

O proxecto deportivo do Deportivo foi unha das razóns fundamentais para que o futbolista aceptase a proposta. Traoré revelou ademais que pediu opinión a un vello coñecido do club coruñés.

«Falei con Aubameyang, que me aconsellou sobre o bo e interesante que é o proxecto», contou.

A relación de Traoré co Dépor vén de atrás. O futbolista lembrou que o conxunto coruñés foi un dos primeiros rivais que tivo cando comezou a súa carreira profesional co Barcelona B. Unha coincidencia que, segundo el, fai que a súa chegada á Coruña teña algo de especial.

«Teño historia co Dépor. Foi un dos primeiros equipos contra os que debutei co Barça B. Parece que era cousa do destino».

«Ser do Dépor é algo máis que un deporte»

Un dos momentos máis significativos da comparecencia chegou cando falou das súas primeiras impresións sobre A Coruña e sobre o ambiente que rodea o Deportivo.

Traoré recoñeceu quedar sorprendido pola resposta da afección e pola maneira na que se vive o club na cidade, especialmente despois do partido ante o Valencia.

«Sobre o campo foi incrible, o ambiente foi incrible. Só teño cousas boas que dicir, tanto das persoas da cidade como dos afeccionados. Sorprendéronme para ben».

O futbolista foi máis alá e describiu o vínculo entre o club e a cidade desde unha perspectiva especialmente emocional.

«Ser do Dépor é algo máis que un deporte, é familiar, son orixes. Case todo o mundo da Coruña é do Dépor e víveno. É moi importante».

Para Traoré, esa conexión tamén se traslada directamente ao terreo de xogo. «O afeccionado é un xogador máis no campo», afirmou, tomando como exemplo o ambiente vivido ante o conxunto valenciano.

Agora agarda a súa oportunidade. «Estou moi contento co gran partido do equipo. Agora toca esperar o meu momento e estar á disposición do adestrador».

Unha recuperación medida ao milímetro

O extremo aínda está inmerso no proceso de posta a punto antes de poder competir. Leva pouco tempo traballando co grupo, pero asegurou que as sensacións son positivas e que, ademais dos adestramentos co equipo, está realizando traballo específico.

«Estou facendo traballos extra tamén», explicou.

Traoré entende que o seu regreso aos terreos de xogo non depende unicamente das súas sensacións, senón tamén dos datos que ofreza o seu corpo e da decisión do corpo técnico.

«Co GPS e coa tecnoloxía pódese saber cantos sprints teño, se estou ao 70 ou ao 75 por cento…».

O obxectivo é alcanzar os niveis físicos necesarios para responder ás esixencias da súa posición. «Estou moi preto», asegurou, aínda que deixou claro que a última palabra será do adestrador.

«Gústame estar preparado para o adestrador. Non é o mesmo adestrar só que facelo co equipo e esa decisión tomaraa o adestrador».

O futbolista tamén quixo agradecer o traballo realizado desde a súa chegada pola estrutura deportiva e médica do club.

«Desde que cheguei, o staff, os fisios, o médico… estiveron incribles controlando como estou en cada sentido. Todo ten o seu proceso».

E hai unha motivación especial detrás da súa espera: devolver o cariño recibido desde o primeiro momento.

«Cando chegue o momento poderei devolver o amor que me deron os afeccionados».

Un futbolista para varias posicións

As posibilidades tácticas de Traoré son outro dos atractivos da súa incorporación. A súa posición máis habitual é a de extremo dereito, pero o propio xogador explicou que xa desempeñou outros papeis ao longo da súa carreira.

«De extremo ou, nalgún caso, fun carrileiro e segundo punta», explicou.

A súa disposición é total para adaptarse ao que lle pida o técnico: «Nas posicións nas que o míster me necesite estarei á súa disposición».

Do fútbol inglés ao modelo do Dépor

A experiencia en Inglaterra tamén lle permitiu coñecer un fútbol diferente ao que agora atopará no Deportivo. Traoré considera que existen diferenzas claras entre ambos os estilos.

«En Inglaterra é un fútbol de máis ida e volta. Aquí é máis de control e posesión do balón».

Por iso, o seu proceso de adaptación tamén terá unha compoñente táctica. «O meu foco é o Dépor. Xogamos dunha maneira diferente á do Barcelona e terei que adaptarme ao sistema de xogo e á idea do adestrador».

Manuel Pablo, unha vella conta pendente

A presenza de Manuel Pablo no Deportivo tamén lle trae recordos ao novo xogador branquiazul. Traoré coincidiu co histórico futbolista deportivista durante os seus primeiros pasos e agora poderá reencontrarse con el desde unha perspectiva diferente, co canario xa integrado no corpo técnico.

«Cando o vexa teremos bastantes anécdotas».

E mesmo deixou unha promesa en clave de humor: «El falarame do meu debut e eu direille cando me pegaba e me agarraba».

Traoré tamén puxo nese mesmo grupo a Sergio Busquets, outro excompañeiro que deu o salto ao mundo dos adestradores. «É unha alegría ver como traspasan esa carreira deportiva de xogador a adestrador».

Unha transformación física para protexer o seu fútbol

A preparación física tivo un peso importante na carreira do futbolista. Traoré explicou que os problemas nos rotulianos e no pubis apareceron xa cando era adolescente e que desde entón tivo que modificar os seus hábitos de traballo.

«Con 15 anos empecei a ter problemas nos rotulianos e de pubalxia. Aí entendín que necesitaba facer un traballo extra».

Un dos seus obxectivos foi corrixir os desequilibrios entre ambas as pernas para reducir o impacto nas freadas e nos cambios de dirección, precisamente dous dos movementos que máis caracterizan o seu xogo.

Tamén relatou como a súa experiencia en Inglaterra lle levou a gañar masa muscular para afrontar mellor os duelos físicos. Pero sen renunciar ás súas principais armas.

«Intentei non perder a miña velocidade, explosividade e cambio de dirección, que é unha das cousas que me caracterizan».

Cucurella, rival no campo e compañeiro fóra del

A rolda de prensa tamén deixou espazo para falar da súa coñecida disputa con Marc Cucurella durante a súa etapa no fútbol inglés, unha rivalidade que chegou mesmo ás redes sociais a través de montaxes e vídeos virais.

Traoré restoulle importancia ao episodio e situouno no contexto normal da competición.

«É parte do traballo e do que nos dedicamos. Cucurella é un compañeiro de oficio e de selección».

A mensaxe do deportivista foi clara: o que acontece no terreo de xogo queda no terreo de xogo.

«El quere gañar o partido e eu tamén. Exteriormente son cousas dos afeccionados. É parte do deporte e nada máis».

Agora, o reto de Adama Traoré está en cambiar os focos de Inglaterra pola Coruña e converter toda a expectación xerada pola súa fichaxe en rendemento sobre o céspede. As súas primeiras palabras como deportivista deixan clara a súa intención: poñerse a punto, adaptarse ao modelo de xogo e agardar o momento para comezar a devolver á afección o cariño que xa percibiu nos seus primeiros días como branquiazul.

Adama Traoré, “O basicamente”

O xogador catalán do Depor ten unha coletilla que repite na entrevista centos de veces, que é a palabra 2basicamente”. Nos máis de 14 minutos de entrevista repítea centos de veces. Cun pouco de retranca en calquer pobo galego ao pouco de coñecelo alcumaríano con nome de “O basicamente”.

-Vídeo : RC Deportivo

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”