Presentación Aubameyang : “Non digo cifras, vou marcar goles e repartir moitas asistencias, pero principalmente veño para gañar moitos partidos”.

Aubameyang: “Non digo cifras e nunca as digo, vou marcar goles, repartir asistencias… pero sobre todo veño para gañar partidos”.

“Ao Dépor coñézoo dende pequeno, cando xogaba a Champions. Poder axudar ao equipo é moi importante para min”. Con esa frase, Pierre-Emerick Aubameyang resumiu o motivo que o levou a aceptar un reto que poucos imaxinaban hai apenas unhas semanas. O dianteiro gabonés compareceu este mediodía no Dépor Training Center na súa primeira rolda de prensa como xogador branquiazul, apenas uns días despois de estrearse coa camiseta deportivista en Oviedo.

A chegada de Aubameyang converteuse, sen discusión, na fichaxe máis mediática do verán no Depor e nun dos movementos con maior repercusión de toda a Primeira División. Que un futbolista cunha carreira construída en clubs como Borussia Dortmund, Arsenal, Barcelona, Chelsea ou Olympique de Marsella escolla un recén ascendido como destino explica boa parte da expectación que se vive o seu arredor e o gabonés non esquivou esa realidade, antre a que sumou os sentimentos de familia.Os seus avós, (+), para os que tivo unha lembranza, e sua nai son dun pobo de Ávila, no que ten familia, (El Barranco), de aí o seu castelán ben falado, ainda que polo mediatica da rolda de prensa él contestou en castelán e un tradutor traducía todo ó inglés.

“Sei que hai moita expectación, pero estou preparado para afrontar esta tempada”, asegurou. Lonxe de incomodalo, confesou que os anos lle ensinaron a convivir coa presión. “Agora gústame máis ca antes”.

Un Dépor que lle fala ao corazón

Aubameyang insistiu varias veces en que a decisión non foi casual. Explicou que el e a súa contorna quixeron escoitar o proxecto que lle presentou o club antes de tomar unha decisión.

“Coñezo o Dépor desde pequeno, daquela etapa na que xogaba a Champions. Poder axudar ao equipo é moi importante para min”.

Tamén confesou que regresar a España ten un significado especial a nivel persoal.

“Sempre lles dixen aos meus avós que algún día xogaría en España. Volver aquí por segunda vez é algo moi especial. Estou moi contento e moi orgulloso”.

Soriano, Hidalgo… e unha pregunta moi directa

O director deportivo, Fernando Soriano, non compareceu ante os medios, deixando todo o protagonismo ao novo “7” deportivista.

Sobre Antonio Hidalgo revelou cal foi a primeira conversación entre ambos. “O primeiro que me preguntou foi por que escollera A Coruña. El quere que coa miña experiencia axude ao equipo”.

E iso é precisamente o papel que Aubameyang asume con naturalidade.

“Xa exercín ese rol en Marsella e tamén coa selección de Gabón. Son un xogador veterano e teño que dar exemplo”.

 37 anos, pero con “fame”

A idade foi outro dos asuntos inevitables. O dianteiro non evitou o tema e respondeu coa naturalidade de quen leva anos demostrando que segue competindo ao máximo nivel.

“Víchedes que sempre dou o máximo. Teño ganas de xogar e iso é o que me dá forza para seguir aos meus 37 anos”.

Tamén explicou que a principal diferenza entre o Aubameyang actual e o de hai unha década non está nas pernas, senón na cabeza. “Hoxe podo achegar experiencia ao equipo. O único que quero é desfrutar cando estou sobre o campo”.

Obxectivo : facer gañar ao Dépor

Se alguén esperaba unha promesa de cifras estratosféricas, ante esta pregunta atopou unha resposta bastante máis colectiva.

“Vou marcar goles e repartir moitas asistencias, pero principalmente veño para gañar moitos partidos”.

Unha declaración que encaixa coa idea de equipo que transmitiu durante toda a comparecencia.

Encantado cos novos compañeiros

O internacional gabonés asegurou sentirse perfectamente integrado desde o primeiro día. “Recibíronme moi ben e estou moi agradecido. Vexo un bo nivel no grupo. Creo que podemos facer un gran ano”.

Tamén falou dos compañeiros cos que compartirá ataque.

“O que vin gustoume moito. Bil é moi forte e vénme moi ben ter un xogador así por diante. Zaka é un auténtico goleador. Jhoni, (por Jonathan Asp Jensen) é moi bo e moi rápido. Co tempo aprenderemos a xogar xuntos. Aínda non puiden facelo con Mella e Yeremay, pero teño moitas ganas”.

Charlie Patiño xa lle falara da Coruña

Na súa decisión tamén influíu unha voz coñecida. “Falei con Charlie Patiño e faloume moi ben da cidade e do club. Puiden comprobar que A Coruña vive para o fútbol. Fun ver Riazor e teño moitísimas ganas de empezar”.

O “7”, un número con historia

Aubameyang lucirá o dorsal 7, o mesmo que deixou libre Lucas Pérez. “É un número que sempre me gustou. Xa o levei no Saint-Étienne e aquí tamén o utilizaron grandes xogadores”.

España, un fútbol diferente

Despois de competir en Francia, Alemaña e Inglaterra, tamén comparou os diferentes estilos.

“En España gústase máis sacar o balón desde atrás. Francia é un fútbol moito máis físico e de correr. En Alemaña hai máis goles e un xogo máis aberto, no que os dianteiros desfrutan especialmente”.

A sala de prensa do Dépor Training Center encheuse para escoitar ao novo referente deportivista. E Aubameyang, sempre cun sorriso de timidez agochada, non prometeu imposibles nin vendeu fume. Falou de experiencia, de responsabilidade, de integración e dun club ao que, asegura, admiraba desde neno.

Se nada se torce mañán poderemos velo un minutos na pachanga que o depor xogará en Vilalba ante o CD Lugo a partires das 19:30 horas televisado pola primeira canle da TVG e ola canle de Youtube do RC Deportivo.

-Vídeo : RC Deportivo
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”