SD Sofán 5-0 CF Dumbría
O derbi da Costa na Preferente Norte deixou claro quen mandou no Carral. O SD Sofán asinou unha actuación contundente para golear (5-0) a un CF Dumbría que nunca foi quen de meterse no partido e que marcha da xornada cun golpe duro na loita pola permanencia.
O encontro xa comezou co Sofán decidido a marcar territorio. Avisaban os sofanistas con chegadas perigosas ata que, no minuto 26, Julián abría o marcador culminando unha boa acción ofensiva. Sen tempo para reaccionar, o Dumbría vía como apenas seis minutos despois chegaba o segundo, nunha xogada desafortunada que remataba José Miguel en propia porta (32’).
Co 2-0 ao descanso, o partido quedaba moi encarrilado para os locais, que non baixaron o ritmo tras o paso polos vestiarios. De novo Julián, no 57’, ampliaba a renda e deixaba o derbi practicamente sentenciado. O Dumbría, sen capacidade de resposta, víase superado en todas as liñas.
Nos últimos minutos chegou a puntilla definitiva da man de Joel, que aproveitou os espazos para facer o cuarto no 74’ e pechar a goleada cun dobrete no 86’, redondeando unha tarde perfecta para os sofanistas.
Goles : 1-0 Julian, (26´); 2-0, José Miguel, (32´en propia porta); 3-0, Julián, (57´); 4-0, Joel, (74´); 5-0, Joel, (86´).
Clasificación
Con esta vitoria, o Sofán suma 50 puntos e mantense firme na pelexa pola promoción, aínda a 5 puntos do Órdenes e a 6 do San Tirso, que tampouco fallaron nesta xornada. Pola súa banda, o Dumbría queda nunha delicada 14ª posición con 34 puntos, só 2 por riba do Cidade de Ribeira, que marca o descenso. A zona baixa comprímese, con Victoria e Sigüeiro a tiro de dous puntos e o Dubra, undécimo, a catro.
Clasificación completa : PREME AQUÍ
Antepenúltima xornada
A próxima xornada preséntase clave para ambos. O Sofán visitará ao Burela, equipo en postos de descenso e con dous puntos menos có Dumbría, mentres que os dumbrieses terán un compromiso de máxima esixencia recibindo ao Órdenes, rival directo dos de Verdillo na loita pola promoción.
En Verdillo, o Sofán deu un golpe sobre a mesa. O Dumbría, pola contra, queda obrigado a reaccionar canto antes se non quere complicarse aínda máis o final de tempada.
O derbi muxián
Dous amigos e que tantas veces xogaron o fútbol xuntos encontráronse no Carral no que poderíamos denominar o “derbi muxián” dentro do derbi da costa, Álex Sánchez por parte do equipo sofanista enfrontouse ao seu veciño e amigo. Lucas Carrera, xogador do equipo dumbriés, co que o ano pasado foi campión da Copa da Costa.
.
-Fotos Manel Sánchez
-Texto : Xosé Búa “Pirata”

