PREFERENTE NORTE
28ª Xornada
Domingo 29/03/2026
Os partidos dos equipos da Costa:
UD Paiosaco 0-0 SD Sofán
CF Dumbría 1-4 Betanzos CF
Clasificación : PREME AQUÍ
.
A CRÓNICA
A 28ª xornada da Preferente Norte deixou sensacións ben distintas para os equipos costeiros. O Sofán rescatou un empate sen goles nun derbi moi táctico fronte ao Paiosaco, mentres que o Dumbría sufriu unha derrota máis dura do que realmente se viu sobre o céspede ante o Betanzos.
UD Paiosaco 0-0 SD Sofán
No campo da Porta Santa, Paiosaco e Sofán protagonizaron un choque intenso e igualado, deses nos que ningún dos dous conxuntos quere cometer erros. O encontro comezou cun Sofán máis atrevido, capaz de achegar perigo nas botas de Julián e Joel durante os primeiros compases. Porén, co paso dos minutos o cadro local foi gañando presenza e control do xogo.
O Paiosaco medrou especialmente a partir do ecuador da primeira metade, acumulando chegadas e rozando o gol nun potente disparo de David González que marchou moi preto da escuadra. O marcador non se moveu antes do descanso, reflexo da igualdade e do respecto mutuo entre ambos equipos.
Na reanudación mantívose o mesmo guión, cun Paiosaco insistente que tivo opcións claras por medio de Josiño, Dani e Vivi, pero sen acerto nos metros finais. O Sofán, firme atrás e paciente, tamén tivo a súa oportunidade definitiva xa no treito final, cando chegou a marcar nun saque de curruncho, aínda que o tanto foi anulado por mans. O empate deixa aos dous conxuntos algo máis afastados dos postos altos tras unha batalla máis estratéxica ca brillante.
CF Dumbría 1-4 Betanzos CF
Mala sorte correu o Dumbría no Conco, onde caeu por 1-4 ante o Betanzos nun duelo enganoso polo resultado final. Os visitantes golpearon primeiro tras unha boa acción pola banda dereita culminada cun pase atrás que significou o 0-1. O Dumbría reaccionou e estivo moi preto do empate, pero o xuvenil Iago estrelou o balón no longueiro.
Nada máis volver dos vestiarios chegou unha xogada clave: un penalti cometido por Breixo foi detido por Anxo, aínda que o rexeite acabou converténdose no segundo gol visitante. A pesar do golpe, os dumbrieses non baixaron os brazos e Mario devolveu a emoción ao partido cun certeiro disparo cruzado tras asistencia filtrada de Iago.
Co equipo volcándose na procura do empate nos minutos finais, o Betanzos atopou espazos e sentenciou o encontro con dous tantos ao contragolpe que ampliaron un marcador demasiado severo para o visto durante boa parte do choque.
Goles : 0-1, Alejandro, (12´); 0-2, Martín, (70´); 1-2, Mario, (78´); 1-3, André, (87´); 1-4, André, (90´).
-Foto : Manel Sánchez
-Texto . Xosé Búa “Pirata”