PREFERENTE NORTE
27ª Xornada
Domingo 22/03/2026
Os partidos dos equipos da Costa:
SD Sofán 2-0 SD Pol
Cultural Maniños 0-1 CF Dumbría
Clasificación : PREME AQUÍ
Xornada positiva para os equipos costeiros da Preferente Norte, con triunfos tanto da SD Sofán como do CF Dumbría, que continúan avanzando cara aos seus respectivos obxectivos na recta final do campionato.
SD Sofán 2-0 SD Pol
O Sofán segue ao acecho da promoción
A SD Sofán continúa firme na loita polos postos de promoción de ascenso tras superar con solvencia á SD Pol no campo do Carral (2-0), nun encontro moi completo do conxunto dirixido por Pablo Torreira ante máis de douscentos afeccionados.
Os sofaneses realizaron un partido moi serio, neutralizando o potencial ofensivo dun rival que apenas conseguiu inquietar a portería defendida por Brais. O Sofán dominou boa parte do primeiro tempo e dispuxo de varias ocasións claras, incluído un gol anulado a Pablo Parafita nun saque de esquina. O porteiro visitante, Javi Liz, sostivo ao seu equipo ata o descanso co empate inicial.
Na segunda metade, o cadro local saíu novamente mellor e atopou premio axiña. Un penalti cometido sobre Braian, tras un manotazo do capitán visitante, foi transformado por Alexandre para abrir o marcador.
Co resultado en contra, o Pol buscou reaccionar principalmente mediante balóns directos, obrigando a Brais a realizar unha gran intervención co pé. Porén, o Sofán soubo xestionar o encontro e sentenciou nunha transición ofensiva culminada outra vez por Alexandre, certificando unha vitoria que mantén aos costeiros a só un punto dos postos de promoción.
Cultural Maniños 0-1 CF Dumbría
Triunfo vital para afastarse do descenso
O CF Dumbría logrou unha valiosa vitoria en Fene ante o Cultural Maniños (0-1), colista da categoría, nun partido clave na loita pola permanencia.
O equipo dirixido por Pablo Conde amosou seriedade e competitividade nun encontro igualado, resolto pouco antes do descanso grazas a un gol de Javi Souto, que acabou sendo decisivo.
Na segunda metade, o Dumbría soubo defender a vantaxe con orde e eficacia, sumando tres puntos de enorme importancia que lle permiten situarse cinco por riba dos postos de descenso e gañar tranquilidade de cara ás últimas xornadas.
O próximo compromiso dos dumbrieses será ante o Betanzos, nun duelo directo que pode marcar o rumbo final da tempada.
.
-Fotos : Manel Sánchez
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
