Preferente Norte (23ª Xda)
A xornada deixou sensacións ben distintas para os equipos da Costa, con triunfo sólido do SD Sofán e empate con sabor agridoce para o CF Dumbría.
No O Conco, o Dumbría xogábase moito ante o SD O Val, nun duelo directo por saír do descenso, pero tivo que conformarse cun empate (1-1) que sabe a pouco. A primeira metade foi bastante igualada e con poucas ocasións, aínda que Javi tivo a máis clara cunha gran acción individual que rematou cunha volea ao pau. Tras o descanso, os locais deron un paso adiante, pero nun contragolpe chegaría o 0-1 visitante, sen que O Val estivese sendo superior. A reacción foi inmediata: Sergio, en estado de graza, marcou o empate e asinou o seu segundo gol en tres partidos. A partir de aí, o partido abriuse. Coa entrada de Marcote e Estévez polos costados, o Dumbría xerou perigo constante con centros laterais, aínda que faltou acerto no remate. O punto mantén aos dumbrieses en postos de descenso, empatados a 24 puntos co Sigüeiro, que marca a permanencia.
Moi distinta foi a tarde en O Carral, onde o Sofán impuxo a súa lei ante o Cidade de Ribeira (2-0). Os de Sofán dominaron o encontro de principio a fin e só a falta de acerto atrasou o primeiro gol. Julián abriu o marcador tras un centro medido de Javi desde a dereita. O Ribeira tivo unha breve reacción con dúas accións perigosas: unha ben resolta por Gardu e outra que se estrelou no pau. Xa na segunda metade, outra internada de Javi provocou un gol en propia meta que sentenciou o choque.
Co triunfo, o Sofán sitúase sexto na clasificación, a só un punto do Betanzos, quinto e en posto de fase de ascenso.
.
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
-Foto arquivo : Manel Sánchez