PREFERENTE NORTE
22ª Xornada
Domingo 15/02/2026
Os partidos dos equipos da Costa:
SDC Órdenes 0-0 SD Sofán
O Sofán mereceu máis en Ordes, pero tivo que conformarse co empate. Na parte alta da táboa, o municipal de Vista Alegre foi escenario dun empate sen goles entre o SDC Órdenes e a SD Sofán, nun encontro no que os carballeses fixeron méritos abondo para levar algo máis. Os sofanistas, que chegan a este tramo final da temporada co obxectivo claro de meterse en postos de promoción, levaron o peso do xogo fronte a un rival máis directo e que optou polo fútbol directo.
Nun campo pesado polas choivas das últimas semanas, o Sofán tentou sempre xogar o balón e dominar a posesión, sendo claramente superior a un Ordes que viña de encaixar dúas derrotas consecutivas. A ocasión máis clara do partido estivo nas botas de Julián, que tivo dúas boas oportunidades para adiantar aos de O Carral, pero en ambas ocasións o balón marchou fóra da portería defendida por Manu Vázquez.
O conxunto dirixido por Pablo Torreira, que tivo que seguir o partido desde a grada ao cumprir o seu segundo encontro de sanción, mantivo a iniciativa durante boa parte do duelo, aínda que non conseguiu transformar a súa superioridade en goles. Co empate, o Ordes mantense na zona de promoción de ascenso, mentres que o Sofán segue moi vivo na loita por meterse na liguiña cando aínda restan 12 xornadas (36 puntos) para o remate da fase regular.
Victoria CF 2-3 CF Dumbría
Triunfo balsámico do Dumbría na Grela para seguir crendo na permanencia. Na zona baixa da clasificación, o CF Dumbría asinou un triunfo de enorme valor no municipal da Grela 1 ante o Victoria CF (2-3), nun encontro cheo de alternativas e emoción ata o final. Os costeiros, necesitados de puntos como auga para o sedento na súa loita por afastarse da zona quente, puxeron terra de por medio antes do descanso cun sólido 0-2.
Sergio abriu o marcador no minuto 14 e Diego Estévez ampliou a vantaxe xusto antes do intermedio (min. 44), deixando moi ben encarrilado o partido para os dumbrieses. Porén, o Victoria reaccionou na recta final e logrou igualar a contenda nun abrir e pechar de ollos, con goles de Álex Pérez (76’) e Álex Gallego (77’).
Cando peor pintaba o panorama para os visitantes, apareceu de novo Diego Estévez para converter unha pena máxima sinalada polo colexiado Jorge Méndez López a falta de cinco minutos para o final. Un gol que vale ouro e que permitiu ao Dumbría sumar tres puntos fundamentais para seguir soñando coa permanencia na Preferente Autonómica.
.
-Foto : Manel Sánchez
-Texto e foto arquivo : Xosé Búa “Pirata”
