PREFERENTE NORTE
18ª Xornada
18/01/2026
SD Dubra 2-0 CF Dumbría
SD Sofán 1-3 Betanzos CF
Clasificación : PREME AQUÍ
CRÓNICAS
A 18ª xornada da Preferente Norte deixou un domingo negro para os equipos da Costa, con derrotas do CF Dumbría e da SD Sofán, ambas con consecuencias directas na clasificación e no ánimo dos dous conxuntos.
SD Dubra 2-0 CF Dumbría
O Dumbría pasa do colchón á urxencia
O CF Dumbría saíu moi tocado da súa visita ao Juan Baleato, onde caeu por 2-0 ante un SD Dubra que marca os postos de descenso directo. Un resultado que aperta, e moito, a loita pola permanencia.
Os dumbrieses pasaron en apenas dúas xornadas de ter unha renda de seis puntos sobre o descenso a quedar só dous por riba, tras unha serie negativa de resultados: dúas derrotas consecutivas, precedidas dun empate e unha vitoria, que deixan ao equipo nun momento delicado da tempada.
O encontro estivo marcado pola falta de pegada visitante e pola eficacia local. Martín adiantou ao Dubra xusto antes do descanso (43’) e Santi Carneiro sentenciou no segundo tempo (66’). Especialmente preocupante é o dato goleador: nove goles encaixados e ningún a favor nos dous últimos encontros ante rivais directos, un lastre que explica a caída clasificatoria.
Goles:
1-0, Martín (43’);
2-0, Santi Carneiro (66’).
SD Sofán 1-3 Betanzos CF
Derrota inxusta nun dos mellores partidos do Sofán
No Carral viviuse un deses partidos nos que o marcador non reflicte o visto sobre o terreo de xogo. A SD Sofán asinou probablemente un dos seus mellores encontros da tempada, pero acabou derrotada por un Betanzos CF que demostrou por que ocupa postos de promoción.
O conxunto sofanista saíu moi metido no partido e nos primeiros minutos gozou de dúas ocasións clarísimas, pero foi o Betanzos quen golpeou primeiro cunha volea dende a frontal no minuto 25. Lonxe de virse abaixo, o Sofán seguiu empuxando e no 33’, Iván Parafita estrelou unha falta directa no poste, no que puido ser o empate.
Cando mellor estaba o equipo da casa, chegou o mazazo: nun centro lateral, o central Izan introduciu o balón na súa propia portería (43’), deixando o 0-2 ao descanso tras unha gran primeira metade dos locais.
No inicio do segundo tempo, o Sofán non saíu tan enchufado e o Betanzos aproveitouno. Nun saque de banda, peinan no primeiro pau e no segundo remate chega o 0-3 (65’). A partir de aí, cos cambios, o Sofán volveu intentarlo todo e atopou premio no tramo final co gol de Braian (80’), que recortou distancias.
O Betanzos soubo xestionar a vantaxe e confirmou a súa candidatura á promoción, facendo valer a súa experiencia e o feito de vir de competir a pasada campaña en Terceira RFEF. Para máis desgraza local, Alexandre tivo que retirarse lesionado no xemelgo, unha baixa sensible que o manterá afastado dos terreos de xogo varias semanas.
Esta derrota deixa ao Sofán xusto por detrás do Betanzos, a cinco puntos dos postos de promoción, nunha clasificación que segue moi apertada.
Goles:
0-1, Alberto Leira (25’);
0-2, Izan (43’, en propia porta);
0-3, André (65’);
1-3, Braian (80’).
.
PREFERENTE NORTE
19ª Xornada
25/01/2026
CF Dumbría – SanTirso SD
SD Negreira – SD Sofán
.
-Fotos e información : Manel Sánchez
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
