PREFERENTE NORTE, (14ª Xda) : “O Sofán impónse o Dumbría, (0-2), nun derbi pasado por auga”.

Preferente Norte
14ª Xornada

CF Dumbría 0-2 SD Sofán

O derbi da Costa cun ambientazo deixou este domingo un partido intenso, físico e moi aberto, no que tanto Dumbría como Sofán dispuxeron de opcións claras para marcar. A choiva (especialmente torrencial no segundo tempo), converteu o encontro nunha batalla continua, con moito balón dividido e máis corazón que precisión.

Primeira metade equilibrada, Javichu marca diferencias

O partido comezou con alternancia e chegadas noas duas áreas. O Dumbría tentou levar o peso, pero o Sofán respondeu con velocidade e profundidade. A recompensa visitante chegou no minuto 23, cando Javichu culminou unha xogada de combinación para asinar o 0-1.

A partir de aí, o choque moveuse nun fío: o Dumbría rozou o empate nun par de accións a balón parado, e o Sofán, moi serio atrás, buscaba a contra para facer dano.

A choiva e o colexiado desvirtúan o segundo acto

Se o partido xa era esixente, o segundo tempo endureceuse coa aparición da choiva forte e, sobre todo, polas decisións do colexiado Pablo Rey, que acabaron marcando o rumbo do duelo.

No minuto 62, o árbitro expulsou con vermello directo ao adestrador visitante, Pablo Torreira. E un minuto despois mostroulle a segunda amarela a Marcos Montero (48’ e 63’), deixando o Sofán con dez durante toda a media hora final.

Esa inferioridade obrigou o bloque sofanista a defender moi atrás, mentres o Dumbría lanzou numerosos balóns colgados o área. Os dumbrieses tiveron dúas ocasións clarísimas, incluído un disparo ao pau, que puido cambiar o guión.

Pero o Sofán tamén ameazou: nunha contra perfecta, Pardo estrelou outro balón no poste.

A sentencia de Iraitz no desconto

Co Dumbría completamente volcado e o porteiro moi adiantado, o Sofán atopou o premio á súa resistencia. Xa no 90’, Iraitz colleu un balón no mediocampo e, cun disparo rápido e preciso, asinou o 0-2 definitivo, deixando o derbi sentenciado.

Goles : 0–1, Javichu (23’); 0–2, Iraitz (90’).

Incidencias : Expulsado o adestrador do Sofán, Pablo Torreira, con vermello directo (62’). Expulsado Marcos Montero (Sofán) por dobre amarela (48’ e 63’). Choiva moi intensa durante todo o segundo tempo.

Clasificación tras o derbi

Co triunfo, o Sofán chega aos 24 puntos, situándose na 6ª posición, igualado co Betanzos, (5º), que marca os postos de promoción, e a só 4 puntos do 4º, o San Tirso.

O Dumbría, pola súa banda, cae á 11ª praza. A derrota do Pol fronte ao Dubra (0-1) comprime a zona baixa e deixa aos dumbrieses a 3 puntos do descenso directo. Iso si, as derrotas de Puebla e Burela fan que a situación non sexa dramática: os pobrenses, (por arriba), están a só 2 puntos, e os burelenses a 6, os mesmos que Victoria CF (8º) e AD Miño (7º), que gañaron os seus partidos.

Clasificación : PREME AQUÍ

-Fotos e información : Manel Sánches

-Texto : Xosé Búa “Pirata”