Preferente Norte
12ª Xornada
Victoria CF 2-1 SD Sofán
O Sofán regresou da Grela 1 cunha derrota que doe pola forma e polas consecuencias na táboa. O Victoria golpeou moi cedo: apenas se cumpría o primeiro minuto cando Óscar de Castro inaugurou o marcador.
A reacción sofanista foi inmediata. No minuto 11 Julián culminou para establecer o 1-1 e devolver o equilibrio ao encontro. A partir de aí, o duelo moveuse no fío da igualdade, con alternancia na posesión e poucas ocasións claras.
Co paso dos minutos o partido foise abrindo e o Victoria aproveitou mellor o tramo final. No 81, de novo Óscar de Castro apareceu na área para enviar ao fondo da rede o 2-1 definitivo, deixando sen premio o esforzo do Sofán.
Con esta derrota, os de sofanistas quedan con 18 puntos, os mesmos que un Victoria que agora os supera. A loita polos postos de play-off segue apretada: o Sofán queda a 3 puntos da zona de promoción nunha liga tremendamente igualada, salvo pola autoridade mostrada por Negreira e San Tirso nas primeiras prazas.
CF Dumbría 0-1 SD Negreira
O Dumbría caeu pola mínima en O Conco ante un Negreira que continúa firme na zona alta. O gol decisivo chegou no minuto 69, obra de Alberto Freire, que batía a Ánxo Lema.
O encontro tivo un final moi tenso. No 81’, o colexiado David Méndez expulsou con vermello directo aos técnicos locais Pablo Conde e Javier Lires. A situación complicouse máis cando o árbitro decidiu deter o partido durante arredor de dez minutos, alegando que un dos seus asistentes estaba a ser increpado desde a bancada.
Tras a reanudación, o Dumbría buscou o empate con máis corazón ca claridade, pero o Negreira defendeu con orde e acabou levando os tres puntos.
Este resultado deixa ao Dumbría na 10ª posición con 15 puntos. Mantén cinco de marxe sobre os postos de descenso, pero a derrota impide aos costeiros dar un salto cara á metade alta da clasificación.
-Foto : Manel Sánchez
-Texto : Xosé Búa “Pirata”