PREFERENTE GALICIA FSF : “O VILALBA FS LÉVASE A VITORIA ANTE O FISOBER, (4-5) NUN ENCONTRO “TOLO”.

PREFERENTE GALICIA-LIGA AUTONÓMICA

Foto do Fisober FSF para o recordo en época de masarillas no deporte.

 FISOBER FSF 4-5 VILALBA FS

FISOBER: Lía, Adriana, Paula Fandiño, Carre, Mai; tamén xogaron: Ana, Nuriña, Lucía Canosa, Saray, Uxía, Lucía Martínez, Nerea, Sharay, Lucía Rodríguez.

VILALBA: Carmela, Paula, Adelaida, Akira, Marta; tamén xogaron: Iria, Carla, Antía, Noemi, Carlota, Lara, Carolina.

 

GOLES: 0-1 min 3 Adelaida, 1-1 min 4 Paula Fandiño, 1-2 min 5 Paula, 1-3 min 8 Carla, ( descanso), 2-3 min 23 Paula Fandiño, 3-3 min 24 Paula Fandiño, 3-4 min 32 Paula, 3-5 min 36 Antía, 4-5 min 37 Paula Fandiño.

ÁRBITROS: Rodrigo Varela Meijide e Pablo Gondelle Seoane.

Ana Mouzo, (de negro), voltaba ao equipo tras unha longa recuperación.

Partido correspondente a 3ª xornada da Liga Preferente Galicia subgrupo A disputado na mañán do domingo nas I.D. de O Conco en Dumbría.

O Vilalba voltou a levarse os tres puntos de Dumbría nun partido tolo e moi igualado, pero que coma nos últimos anos foi para os visitantes que son unha “besta negra” das costeiras, que colleitaban a primeira derrota da tempada, no día que voltaba as pistas despois dunha longa lesión Ana, que a tivo ano e medio apartada, e tamén debutaba esta tempada Nuriña.

Empezou forte o Fisober con ocasións a primeira cun lanzamento lonxano de Paula Fandiño ao pau.

Pero non tardaron en respostar as visitantes cunha dobre ocasión despois dun saque de curruncho que finalizou co gol de Adelaida aos tres minutos.

Non tardou en igualar o Fisober xa que un roubo e unha contra de Adriana e Paula Fandiño rematou cun regate desta última e o gol para igualar tan solo un minuto despois.

O partido estaba tolo e Lía interviña despois dun saque de curruncho e no seguinte saque Paula poñía en vantaxe as visitantes.

O Vilalba nas xogadas de pizarra creaba moito perigo e así aos oito minutos Carla poñía dous goles de vantaxe para as súas.

As locais non se rendían e un pase de Paula Fandiño case termina en gol de Saray. Tampouco as visitantes paraban que facían intervir a Lía.

No toma e daca tocáballe a Carre que facía intervir con éxito a porteira visitante. E claro as visitantes tampouco paraban e facían lucirse a Lía en dúas ocasións.

Con ese resultado chegouse ao tempo de lecer nesta tola primeira metade.

O Fisober iniciou a segunda metade coa intención de controlar máis a bola e non deixar un partido de tanto ritmo e tolemia. A primeira ocasión foi para Paula Fandiño.

Unha Paula Fandiño que finalizaba unha contra das locais no segundo pau para recurtar distancias. Unha Paula Fandiño que tan solo un pouco despois aproveitaba unha xogada de banda para empatar o partido.

As visitantes non se viñan abaixo coa tempraneira igualada de facían intervir a Lía en varias ocasións para deixar o resultado en táboas momentáneamente.

Despois do desperezamento visitante tocoulle a xeira ao Fisober con ocasións para Adriana e Paula Fandiño. Seguiron percutindo as locais e novamente Adriana e Paula Fandiño poñían moito perigo pero a porteira visitante resolvía.

E nunha xogada chea de rexeites a oito para o fin voltaban a poñerse por diante as do Vilalba, de novo por detrás as costeiras. Que vían coma as visitantes poñían a contra en perigo a Lía.

Non se rendía o Fisober e unha xogada entre Ana e Paula Fandiño esta última non chegaba a marcar por centímetros.

A tres para o fin Antía facía o quinto visitante que parecía matar o partido, pero as costeiras non se rendiron e seguiron percutindo. Como resposta ao gol visitante de novo Paula Fandiño recurtaba diferencias para poñer de novo o partido nun pano.

Empuxaron as locais nos últimos minutos na busca da igualada primeiro cun lanzamento ao pau de Saray e para finalizar cun lanzamento de Paula Fandiño que desviaba miragosamente a porteira. Finalmente non puido ser e os puntos marcharon de Dumbría.

A vindeira semana toca visitar ao invicto Ribeira-Lieders.

-Fotos : Fisober FSF

-Texto : Luis Sambad


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies