PREFERENTE GALICIA FSF, (23ª Xda) : PRIMEIRA DERROTA DO FISOBER FSF XOGANDO COMO LOCAL EN DUMBRÍA, (2-3).

PREFERENTE GALICIA

-LIGA AUTONÓMICA-

FISOBER FSF 2-3 GRUPO FORMA-T VILALBA FS

FISOBER: Sharay, Paula Fandiño, Ana, Carre, Saray; Tamén xogaron: Claudia, Lucía Martínez, Adriana, María Dumbría, Uxía.

VILALBA: Carmela, Paula, Antía, Sabela, Nerea; Tamén xogaron: Carla, Elisa.

ÁRBITROS: Jairo Mosteiro, David Miras.

GOLES: 0-1 min 4 Paula, 0-2 min 10 Antía, 1-2 min 16 Saray ( descanso) 2-2 min 29 Adriana, 2-3 min 38 Antía.

INCIDENCIAS : Partido correspondente a 23 ª xornada de Liga Autonómica – Preferente Galicia disputado na tarde do sábado nas I.D. de O Conco en Dumbría.

Caeu a primeira derrota en Dumbría esta tempada para o Fisober nun partido no que foron de menos a máis remontando un dous cero pero que se lles escapou ao final.

O partido comezou con moita intensidade pero sen ocasións. A primeira ocasión foi despois dun saque de esquina para as visitantes con parada de Sharay. A primeira local foi unha contra con pase de Saray para Carre.

Despois ocasións para Ana e Saray a pase de Paula Fandiño.

Pero aos catro minutos un lanzamento de Paula petaba en Uxía e despistaba a Sharay para o cero a un. E case un pouco despois as visitantes amplian vantaxe pero entre Saray e Sharay evitan o gol.

Paula Fandiño poñía a proba a porteira visitante cun lanzamento de falta. Despois chegaba unha dobre ocasión para o Vilalba.

Mediada esta primeira metade Antía poñía o segundo gol visitate. Nuns minutos nos que o estaba a pasar mal o conxunto costeiro.

As visitantes acumulaban ocasións e as costeiras aguantaban como podían. Ata que no peor momento unha combinación entre Adriana, Ana e Saray remata con gol desta última.

E todo mudou o Fisober agora era o que merecía o gol da igualada, aínda así as visitantes tiñan un lanzamento ao pau. Tamén Paula Fandiño a piques estivo de igualar.

Pero o resultado xa non mudou ao tempo de lecer. A volta de vestiarios o Fisober apreta e crea ocasións ante un Vilalba moi canso. Unha boa ocasión para Lucía Martínez e outra para Saray como as máis salientables.

Mediada esta segunda metade unha parede entre María Dumbría e Adriana remata co gol desta última para igualar o partido.

As visitantes tiñan as súas contadas pero perigosas coma un tiro ao longueiro.

O Fisober buscaba o triunfo con ocasións para Carre, Uxía, Paula Fandiño ou Ana pero non acadaba o gol.

Quen si o acadaron foron as visitantes por medio de Antía a dous minutos para o fin, cun gran mazazo para as costeiras que xa non foron quen de voltar a igualar o partido.

A vindeira semana visita a Rivadavia fronte ao Ribeiro do Avia.

-Foto e Texto : Fisober FSF/Luis Sambad