PREFERENTE FUTGAL
– Xornada 11-
Ribeira FS “B” 2-5 Fisober FSF
Debut con gol do muxián Álex Muiño
O Fisober FSF regresou á senda da vitoria nunha das pistas máis esixentes da categoría. O partido, disputado na tarde do domingo no Pavillón Municipal de Deportes de Lugo, empezou con susto, pero acabou coa mellor das noticias: triunfo sólido, gran actuación colectiva e debut goleador de Álex Muiño, a nova fichaxe muxiá que deixaría unha moi boa impresión.
Ribeira FS “B”: Brian, Gheorghe Cristian, Raúl, Antón, Gabriel; tamén: Pablo, David, Mateo, Cristian, e Marcos.
Fisober FSF: Brais, Champi, Mario, Pablo, Juan; tamén: David, Raúl, Iván e Álex Muiño.
Árbitros: Carmen Rodríguez Grande, Iria De Luis Iglesia e Jose Richard Chafloque Chafloque.
Goles
1-0, min.1: Pablo López
1-1, min.2: Champi
1-2, min.11: Iván
1-3, min.13: Pablo
2-3, min.15: Crístian
2-4, min.16: Álex Muiño
2-5, min.21: Mario
Crónica
O encontro non puido comezar peor para os costeiros: un tiro exterior desviouse tras un rexeite e acabou no fondo da rede cando apenas se levaba un minuto xogado. Pero a reacción do Fisober foi inmediata. Na xogada seguinte, Champi, un dos máis destacados do partido, culminaba unha transición rápida para poñer o empate e devolver a confianza ao equipo.
A partir de aí, os costeiros asentáronse no duelo, axustaron a defensa e aproveitaron con intelixencia cada saída ao contraataque. Iván primeiro e Pablo despois puxeron o 1-3 nun abrir e pechar de ollos, nun tramo de claro dominio visitante. O Ribeira recurtou ao 2-3, pero a gran noticia da tarde chegaría no minuto 16: Álex Muiño, no seu debut oficial, enviaba ao fondo da rede o 2-4, culminando unha xogada brillante e celebrando do mellor xeito a súa estrea.
Ao descanso o Fisober xa mandaba con autoridade, e nada máis regresar dos vestiarios sentenciou o encontro cunha acción de laboratorio entre Pablo e Mario, que anotou o 2-5 definitivo. Nos últimos dez minutos, o Ribeira apostou polo xogo de cinco, pero a defensa visitante estivo a grande nivel, sen permitir recurtar distancias.
O triunfo supón un golpe de moral para o conxunto costeiro, que rompe así a súa xeira negativa de 5 derrotas consecutivas e recupera sensacións na loita pola parte media-alta da clasificación.
O que vén
A vindeira xornada o Fisober recibirá ao 5 Coruña FS “B”, nun encontro que queda aprazado para o venres 5 de decembro ás 21:30 horas.
Clasificación
Os rapaces que dirixe Dani Costa con Adán Caamaño como compañeiro de banco, suben a 12ª praza con 12 puntos.
-Foto e información : Prensa Fisober FSF
-Texto : Xosé Búa “Pirata”