PREFERENTE FUTGAL FSF, (11ª Xda) : “Importante vitoria antes do parón para o Fisober FSF ante un rival direto”.

Preferente Futgal Feminina
11ª Xornada

Fisober FSF 4-2 Cidade das Burgas FS

O Fisober FSF, club máis representativo da historia do futsal feminino da Costa da Morte, deu este sábado outro paso firme para reafirmar ese peso competitivo que o distingue. No Pavillón do Conco, (Dumbría), as costeiras superaron por 4-2 ao Cidade das Burgas FS, nun encontro chave para non permitir que un rival directo se escapase na táboa neste treito final da primeira volta.

O encontro comezou con máis incerteza da desexada por parte do Fisober. As ourensás aproveitaron mellor a posta en escea e lograron adiantarse moi pronto, chegando mesmo a situarse dúas veces por diante no marcador. A reacción das fisoberistas iniciouse case de inmediato: Paula, cun golpeo soberbio dende campo propio, asinou o 1-1, e Sharay mantivo con varias intervencións de mérito a mínima desvantaxe cando chegou o 1-2 visitante.

Co paso dos minutos o Fisober foise asentando. A intensidade medrou, o xogo fíxose máis fluído e, pouco antes do descanso, Carla Lago culminou unha boa acción ofensiva para establecer o 2-2. As costeiras marchaban ao intermedio coa sensación de ter cortado o mal inicio e coa capacidade de tumbar o partido ao seu favor.

Trala reanudación, o Fisober impuxo o seu ritmo. A presión, o orde defensivo e a solidez de Sharay, que continuou cun nivel altísimo, fixeron medrar a confianza do equipo. A recompensa chegou en dúas transicións rápidas: primeiro Adri fixo o 3-2 aos 29 minutos, e pouco despois Paula asinou o seu segundo tanto da tarde co 4-2 definitivo, certificando un triunfo moi valioso.

 Goles
0-1 (min.3) Dunia
1-1 (min.4) Paula Fandiño
1-2 (min.6) Ana Cerezo
2-2 (min.17) Carla Lago
3-2 (min.29) Adri Castro
4-2 (min.33) Paula Fandiño
 Fisober FSF : Sharay, Paula, Ana, Adri, e Saray Duarte
Tamén: Carla Lago, Kenny, Sabela, Carla Beiro, e Lara Villar.
 Cidade das Burgas FS : Clara, Dunia, Sonia, Sofía, e Karem
Tamén: Antía Yanire, Ireka, Emma, e Ana

 Árbitros : Jairo Mosteiro Varela e Nicolás Antonio Cutrone

 A próxima cita

O Fisober volverá á competición na segunda fin de semana de decembro, (14/12), visitando na 12ª xornada a sempre esixente pista do Stellae Leis Pontevedra FS, un desprazamento clásico e de máxima dificultade.

Clasificación 
O Fisober estes tres puntos permítenlle poñer terra de por medio respecto da zona baixa e afrontar con maior tranquilidade o parón da ponte de decembro. Suma así o equipo costeiro 9 puntos colcándose na 13ª praza.

-Foto e información : Prensa Fisober FSF

-Texto : Xosé Búa “Pirata”