PREFERENTE FUTGAL FEMININA, (Xda 21) : “Dobrete de Paula e gol decisivo de Kenny para manter vivo ao Fisober, nun trepidante choque ante o Ribeira, (3-2)”.

PREFERENTE FUTGAL FEMININA 
21ª Xornada

FISOBER FSF 3-2 RIBEIRA FS

Fisober FSF: Sharay, Paula, Carla Beiro, Kenny, Saray Duarte; tamén xogaron : Ana, Carla Lago e Lara.

Ribeira FS: Ainara, Sonia, Carmen, María Helena, Cecilia; tamén xogaron : Noa, Uxía, Shaila, Alma, Nerea e Carla.

Árbitros: Francisco Pena Torreira e Vanesa Varela Rivas.

Goles:
0-1 (min. 1), 1-1 Paula (min. 2), 2-1 Paula (min. 7); 3-1 Kenny (min. 37), 3-2 (min. 38).

Partido disputado na noite do venres nas IDM O Conco de Dumbría, ao que o Ribeira chegaba con tres puntos máis na clasificación ca o Fisober, polo que se agardaba un encontro moi igualado, algo que finalmente se confirmou sobre a pista, marcado polo respecto e o medo a perder de ambos conxuntos.

Lonxe do habitual neste tipo de choques, o duelo comezou con dous goles moi temperáns. As visitantes adiantábanse cun auténtico golazo, pero a resposta local foi inmediata: na xogada posterior ao saque de centro, Paula sorprendía cun disparo dende campo propio para devolver o empate e achegar tranquilidade ao Fisober. Pouco despois, novamente cun potente lanzamento lonxano, a propia Paula asinaba o 2-1 co que se chegou ao descanso, tras unha primeira metade igualada aínda que cun lixeiro dominio das costeiras.

Na segunda parte o Fisober mantivo a iniciativa, aumentando a presión e xerando ocasións para ampliar a vantaxe, aínda que sen acerto nos metros finais. Xa nos últimos minutos, un envío en longo de Paula foi aproveitado por Kenny para marcar o 3-1, un tanto decisivo no desenvolvemento final do encontro. O Ribeira apostou entón polo xogo de cinco e conseguiu recurtar distancias, deixando o marcador no definitivo 3-2, unha vitoria que dá aire e confianza ás costeiras de cara ao tramo final da liga.

Próxima xornada

O Fisober visitará nas Pontes a outro rival directo, o Lago Sport.

.

-Fotos e información : Prensa Fisober FSF

-Texto : Xosé Búa “Pirata”