Praia do Lago (Muxía): un recuncho de natureza salvaxe e encanto caribeño na Costa da Morte

No corazón do concello de Muxía, o municipio con máis quilómetros de costa de Galicia, atópase unha das xoias mellor gardadas da Costa da Morte: a Praia do Lago, (43º 06′ 22.5″ N – 9º 09′ 56.7″ W). Este areal, de máis de 500 metros de area fina e branca, combina á perfección mar, río e monte, ofrecendo unha paisaxe cambiante marcada polos temporais do inverno e pola desembocadura do Río de Quintáns.

O nome da praia vén dado pola lagoa que se forma na parte sur, xusto antes de que as augas desemboquen no Atlántico. Esta zona húmida é lugar de paso de numerosas aves como garzas e patos silvestres, converténdose nun pequeno paraíso.

Unha paisaxe que lembra ao Caribe

A Praia do Lago sorprende pola súa beleza salvaxe e polos contrastes que ofrece: dun lado o azul intenso do océano aberto ao oeste, e doutro, o verde do antigo pinar que antecede ao areal, perfecto para desfrutar dun xantar ao aire libre nas zonas de merendeiro. A combinación de monte e mar crea unha estampa que moitos visitantes comparan coas praias caribeñas.

Postas de sol inesquecibles

Aberta o oeste e orientada de sur a norte, esta praia regálanos algunhas das postas de sol máis espectaculares da Costa da Morte. No verán, o sol chega a ocultarse xusto no centro da entrada da ría, entre a Punta da Barca e o monte da Virxe da Barca, debuxando un espectáculo natural único, xa de setembro en vante ponse por enriba de Muxía.

Un areal para todos

A amplitude da praia fai dela un lugar ideal tanto para nenos como para adultos, xa sexa para o baño e a relaxación nos días de verán ou para pasear e contemplar a forza do mar no inverno. Ademais, conta con boa oferta de servizos: tres cámpings, cinco locais de hostalaría onde degustar peixe, marisco ou produtos da terra, así como bungalows e cabanas e nos campings zonas para tendas de campaña e caravanas, así como pista polideportiva, zona de xogos de nenos/as, etc.

Na marxe norte, na Punta do Lago, érguense dous faros enfilación, que marcan o límite natural entre a Praia do Lago e a da Barreira (ou Praia de Leis). Esta zona é tamén un excelente punto para a pesca deportiva e para gozar dun paseo.

Cultura, lecer e boa gastronomía

No verán énchense de vida con concertos, foliadas e actividades de lecer organizadas polos varios locais da zona especialmente co bo traballo dos rapaces de “Horta Creativa”. Todo isto converte a Praia do Lago nun destino perfecto tanto para os que buscan calma, como para os que prefiren ambiente.

Como chegar

O acceso pode facerse por diferentes vías:

  • Desde a estrada Muxía–Berdoias, desviando en Quintáns.

  • Desde a estrada da Ponte do Porto a Muxía, desviando en Cereixo.

  • Ou desde a estrada Berdoias–Muxía, antes de entrar en Os Muíños.

Unha vez alí, o visitante pode percorrer a pé o longo areal e deixarse levar pola maxia dun lugar que mestura natureza, paisaxe, cultura e sabor a mar.

A Praia do Lago non é só unha das praias máis fermosas de Galicia, senón tamén de España. Un recuncho no que a forza do Atlántico se mestura coa calma da lagoa e o abrigo dos piñeiros, convidando a volver en calquera época do ano, e sen agobios de multitudes.

“Podería decir máis e moito máis…pero hai que velo…”.

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto grupo : Camping Lago-Mar