PLAY-OFF ASCENSO A PRIMEIRA FUTGAL, (Ida) : “O Xallas dá primeiro no Play-Off e achega o soño do ascenso, (0-1)”

Atlético Castros 0-1 Xallas FC

Non hai nada feito pero o Xallas FC deu un paso importante na súa loita polo ascenso a Primeira Futgal tras impoñerse por 0-1 ao Atlético Castros no encontro de ida da eliminatoria disputado no A Grtela 1, da Coruña. Un solitario tanto de Rubén Maceda aos once minutos de xogo permitiulle ao conxunto xalleiro regresar a Santa Comba cunha vantaxe mínima pero valiosa de cara ao choque de volta.

Os de Santa Comba completaron un partido moi serio nun campo complicado, amosando solidez defensiva e sabendo administrar a renda conseguida nos compases iniciais do encontro. O gol de Rubén Maceda obrigou aos coruñeses a asumir máis riscos co paso dos minutos, pero o Xallas soubo manter a órde e evitar que os locais atopasen o camiño do empate.

Con este resultado, a eliminatoria queda aberta, aínda que o cadro verdiño contará coa vantaxe do marcador e co apoio da súa afección no encontro de volta, que se disputará o vindeiro Domingo a partries das 12:00 horas no campo da Fontenla, onde o Xallas buscará culminar o traballo e certificar o ascenso a Primeira Futgal.

Bruno Prego, (adestrador do Xallas FC) : 

“Demos un paso importante na eliminatoria de ascenso trasimpoñernos por 0-1 ao Atlético Castros no partido de ida.

O encontro afrontouse cun plantexamento moi claro: bloque replegado, máxima concentración defensiva e aproveitamento das transicións ofensivas. Sabíamos da velocidade e do potencial do rival en ataque, polo que era fundamental non deixar espazos ás costas da nosa defensa e competir desde a orde e a solidariedade colectiva.

O plan saíu á perfección. Nunha das nosas contras, Rubén Blanco aproveitou un bo envío ás costas da defensa para superar ao porteiro cunha gran vaselina e poñer o 0-1 no marcador. Con esa vantaxe chegaríamos ao descanso.

Na segunda metade, o equipo incluso mellorou as sensacións, controlando ben as diferentes fases do encontro e mantendo a seriedade defensiva. A pesar de non dispoñer de moitas ocasións claras debido á nosa proposta de xogo, conseguimos xerar perigo en varias transicións ben executadas por Brian e Rubén Sande. Non estivemos acertados nos metros finais para ampliar a vantaxe, pero o traballo colectivo permitiu conservar o resultado ata o asubío final.

O 0-1 deixa a eliminatoria aberta, pero tamén premia o enorme esforzo defensivo de todo o equipo, que realizou un partido moi completo en compromiso, concentración e disciplina táctica.

Agora toca afrontar o partido de volta na casa o vindeiro domingo ás 12:00. Co apoio da nosa afección, intentaremos brindarlle ao club, ao escudo, ao presidente e a toda a familia do Xallas ese ascenso á Primeira Rexional que tanto ansiamos“.

O Sofán B pendente

Este resultado é un halo de esperanza para o SD Sofán B pendente de que ascenda o equipo xalleiro para non sufrir arrastre a 3ª da Costa.

FICHA TÉCNICA

Atlético Castros: Guillermo, Carlos, Sergio, Marcos, Iker, Enrique, Mario, Nicolás, Ignacio, Pablo e Adrián. Tamén xogaron: Adrián, Álvaro, Miguel, Pedro, José, Iván e Alejandro.

Xallas FC: Iván, Noé, Adrián, Doro, David, Kevin, Brais, Víctor, Pablo, Adrián e Rubén. Tamén xogaron: Iker, Martín, Hugo, Sergio, Raúl, Rubén e Luis.

Árbitro: Adrián Muíña Paz con  José Rodríguez e Dayanna Mendoza nas bandas.

Gol: 0-1, Rubén (11′).

.

-Foto : Rubén Prego

-Texto : Xosé Búa “Pirata”