Sporting Seaia CF 1-3 UC Cee
Tal e como xa informáramos amplamente na previa en piratasdemuxia, o campo do O Pinguel (Ponteceso) foi o escenario da ida da final do Play-Off de ascenso á Liga da Costa. O Sporting Seaia CF, obrigado polas obras que se están a realizar no Pedra Queimada, exerceu de local lonxe do seu feudo ante un UC Cee que deu un paso importante cara ao ascenso ao impoñerse por 1-3.
A pesar de que os seiaeses foran quenes de derrotar aos ceenses nos dous enfrontamentos ligueiros desta tempada, nesta ocasión os de Rafa Suárez amosaron unha gran pegada para saír con vantaxe dunha eliminatoria que aínda terá o seu capítulo definitivo a vindeira fin de semana.
A primeira metade foi moi igualada, con moito control e respeto por parte de ambos conxuntos e poucas concesións defensivas. O equilibrio rompeuse preto do descanso, cando un saque de curruncho foi aproveitado por Fontana para enviar o balón ao fondo das redes defendidas por Isaac e establecer o 0-1.
Nada máis comezar o segundo acto reaccionou o Seaia. Juni igualaba a contenda no minuto 48 e os de Cancela viviron os seus mellores momentos, chegando con perigo á portería defendida por Jorge e mesmo gozando dunha boa ocasión para culminar a remontada.
Os ceenses souberon resistir e gardaron o mellor para o tramo decisivo do encontro. Regueiro apareceu no minuto 81 para devolverlle a vantaxe aos da Vila da Xunqueira e, apenas cinco minutos despois, un disparo de Ánxo era desviado por un defensor seaiés, descolocando a Isaac e converténdose no definitivo 1-3.
Os da parroquia malpicana aínda dispuxeron dunha boa oportunidade para reducir diferenzas e deixar a eliminatoria máis aberta, pero o marcador xa non volvería moverse.
Con este resultado, o UC Cee afrontará a volta cunha vantaxe importante, aínda que o Sporting Seaia tentará apurar as súas opcións no choque definitivo que se disputará a vindeira fin de semana no San Paio de Refoxos (Xallas-Cee).
-Ficha técnica-
Sporting Seaia CF : Isaac, David, Álex Mato, Borja, Belar, Todosantos, Erik, Edu, Diego, Manu Castro e Juni. Tamén xogaron: Anxo, Brais, Simón, Rafa, Adri, Álex e Nico.
UC Cee : Jorge, Munitis, Diouck, Fontán, José, Carlos, Marco, Keko, Anxo, Pablo e Xián. Tamén xogaron: Adrián, César, Jonathan, Roberto, Sergio, Regueiro e Miguel.
Goles : 0-1, Fontana (41′); 1-1, Juni (48′); 1-2, Regueiro (81′); 1-3, Anxo (86′).
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”