O piragüismo dumbriés segue a medrar con paso firme. O CDM Piragüismo Dumbría asinou unha brillante actuación no Campionato Galego de Novas Promesas de Slalom, disputado o pasado 25 de abril no río Coura, en Covas (Portugal), onde acadou un meritorio subcampionato por equipos nunha cita de alto nivel competitivo.
O conxunto da Costa da Morte só se viu superado polo Club Deportivo Miño-Os Teixugos, rematando por diante do Club Piragüismo Penedo-Teimporta de Tui, nunha clasificación que volve poñer en valor o excelente traballo de base que está a desenvolver a entidade dumbriés.
Podium do Infantil K1 feminino
No apartado individual, destacou especialmente a actuación na categoría infantil K1 feminino, onde Clara Mancebo Landeira subiu ao segundo chanzo do podio, acompañada por Carmen Llaría Traba, que foi terceira, completando así unha xornada moi destacada para o club.
Tamén deixou boas sensacións José María Ferrer Cardona en infantil K1 masculino, logrando o pase á final e rematando nunha notable cuarta posición tras unha baixada de gran esixencia.
Na categoría cadete K1 masculino, Iván Llaría Traba foi o mellor representante do Dumbría cun quinto posto, seguido de preto por Óscar Insua Avanesjan, que finalizou sexto.
Máis alá dos resultados nas finais, o campionato tamén serviu para que outros mozos e mozas do club sigan sumando experiencia en competición. Carmen Llaría e Clara Mancebo en C1 infantil feminino, Clara López Piñeiro en K1 infantil feminino, Yerai Guene en K1 infantil masculino e José María Carmona en C1 infantil masculino non lograron meterse nas finais, pero continúan avanzando no seu proceso de formación deportiva.
Este subcampionato galego reafirma o bo momento do CDM Piragüismo Dumbría, que segue consolidándose como unha das canteiras máis destacadas do slalom galego.